Desde a AELG é de todo punto inaceptábel que a Cidade da Cultura acolla a realización dun curso anual de escritura que ten como idioma de desenvolvemento o español.
Segundo se pode consultar tanto na web da antedita escola, como na da Fundación da Cidade da Cultura, fundación de interese galego, pertencente ao sector público autonómico que ten a consideración de medio propio e instrumental da Xunta de Galicia, o curso está organizado por Escuela de Escritores, unha entidade privada, S. L., con sede en Madrid, dirixida por Javier Segarra. A actividade conta coa colaboración da Fundación Cidade da Cultura.
Na publicidade da actividade, dáse conta de que diferentes escritores e escritoras galegos participarán como docentes no curso e que o idioma en que se desenvolverá será o español. O curso ten un custo de 2.350€ por persoa e é idéntico na súa estrutura aos que se impartirán noutras cidades españolas como Burgos, Zaragoza, Getafe ou Málaga e Bilbao, variando os docentes que imparten en cada cidade.
Desde a AELG non se entende que a Xunta de Galicia, a través dunha entidade instrumental, apoie actividades privadas que non fomentan a nosa lingua nin redundan no incremento da creatividade literaria galega.
É máis, se consultamos o II Plan estratéxico da Cidade da Cultura de Galicia, 2021-2027, concluiremos que esta actividade contravén algúns dos seus obxectivos estratéxicos como o de “Impulsar os procesos de investigación, innovación e formación no sistema cultural galego”, declara Cesáreo Sánchez, presidente da AELG. “O emprego do español durante a actividade, colócaa fóra do noso sistema cultural”, engade. “Resulta inconcibíbel, especialmente se temos en conta, como se di na Introdución, que este II Plan naceu dun proceso de elaboración conxunto que pretende incorporar á nova planificación as necesidades e expectativas do sistema cultural galego, que como sinala a Estratexia da Cultura Galega ten unha gran relevancia económica e social e conta cun enorme potencial de desenvolvemento en eidos como o patrimonio, o turismo cultural, as novas tecnoloxías ou a industrialización, a modernización e a profesionalización do sector”, engade Sánchez Iglesias citando o documento da Fundación Cidade da Cultura.
A AELG pregúntase de que forma pode unha actividade que non é na nosa lingua contribuír a “consolidar o centro, … tamén como un xerador de contidos ao servizo do sector cultural e creativo galego”, segundo pretende o II Plan estratéxico.
Para alén do xa indicado, desde a AELG, consideramos que esta proposta de Escuela de Escritores incumpre o artigo 7, apartado d) dos estatutos da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que di: “Cantas dinamicen o sistema cultural galego, promovendo a difusión e conservación da nosa cultura, e a formación dunha comunidade artística vibrante, atendendo tanto a autores de referencia como a novos talentos ou a cultura de base.”
Por todo isto, a AELG considera que esta actividade non debería de contar coa colaboración da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, nin da Xunta a través dela e que debería reverter esta ou outras colaboracións con entidades que non van fomentar a normalización do feito cultural galego nin contribuír ao crecemento da nosa lingua literaria e o sector do libro galego.
Ligazóns:
Orzamento da Fundación Cidade da Cultura de Galicia para este 2026.