Entrevista de Antón Escuredo a Xosé María Álvarez Cáccamo en Nós Diario:
“(…) A outra realidade, o mundo onírico e o desacougo que lle produce a actual sociedade forman parte do camiño que escolleu agora o escritor vigués Xosé María Álvarez Cáccamo para recuperar na súa obra o emprego do relato curto. O seu último libro, Miniaturas e outras dimensións, reúne oito historias que levaban un tempo agardando saír á luz —como recoñece o propio autor en conversa con Nós Diario—, aos que engadiu outros textos moito máis breves. “Como todos os libros que escribo, este tamén ten un proceso singular, neste caso sumando material que tiña xa gardado nun caixón con outro que escribín coincidindo cuns meses de moita creatividade nos que entrei por vez primeira no formato do microrrelato”, admite. Álvarez Cáccamo levaba anos sen empregar a fórmula da narrativa de menor tamaño que comezou utilizando décadas atrás na obra Microtopofanías (Edicións Laiovento, 1992), e á que seguiría o libro A luz dos desnortados (Edicións Espiral Maior, 1996).
Neste caso, o novo traballo divídese en dúas partes ben diferenciadas. A primeira consta de 35 microrrelatos e a segunda, de oito relatos breves. Con todo, o nome do libro reivindica o seu sentido “unitario”, a brevidade das historias que contén e, ademais, “as outras dimensións da realidade” que Álvarez Cáccamo transmite en cada liña que escribe. “Son soños reais meus e tamén acontecementos que se poderían interpretar desde esa perspectiva onírica”, aclara o autor vigués. (…)”