Desde Erregueté:
“Coincidindo coa estrea de A velada de Londres, o vindeiro 4 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña, a compañía ButacaZero amosará ao público tamén unha exposición itinerante de seis paneis, que se instalará no vestíbulo do teatro antes da función e que acompañará á montaxe na súa posterior traxectoria. Queren ofrecer así “unha experiencia completa e un percorrido pola memoria de quen foi unha das grandes figuras da escena galega, Manuel Lourenzo”, falecido o ano pasado.
Deseñada baixo o título Manuel Lourenzo. A pegada que continúa, a mostra foi concibida polo director Xavier Castiñeira, coa colaboración de Paco Oti, Inma López Silva, Ana Abad de Larriva, Gloria Rico e o fondo bibliográfico da Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor da Universidade da Coruña.
Esta exposición non pretende ser un percorrido histórico exhaustivo pola vida e a obra de Manuel Lourenzo, senón “unha homenaxe construída desde a emoción e o afecto do propio Castiñeira polo seu mestre”. Máis que explicar a súa traxectoria, a exposición quere “celebrar a súa presenza e manter vivo o seu legado”.
A exposición amosa “a dimensión colosal dun creador que facía do teatro unha urxencia vital desde que regresou de Alemaña en 1965 para ‘alumear unha Galicia gris’”. Entre os datos e documentos que rescata a mostra destaca a singular disciplina de Lourenzo: un autor que escribiu máis de 300 pezas teatrais (reunidas en sete volumes) regresando puntualmente cada día ás súas obras “porque escribir formaba parte da súa maneira de estar no mundo”. (…)”