Desde Nós Diario:
“A través da Fundación María Reimóndez, a autora lucense lanzou este ano I Premio María José Meilán de Dinamización de Clubs de lectura da cidade de Lugo, que nace en 2026 co obxectivo de incentivar iniciativas de dinamización dos clubs de lectura da cidade. O Club de lectura cidade de Lugo resultou gañador cunha proposta ao redor d’A casa do amo (Pol·len Edicions 2025), o último ensaio de Reimóndez.
O club gañador argumentou que a “elección desta obra responde á convicción de que resulta necesario promover espazos de reflexión crítica que nos permitan revisar as actitudes, prexuízos e dinámicas de carácter racista e colonial que, de forma consciente ou inconsciente, continúan presentes na nosa sociedade”. A proposta inclúe faladoiros, proxeccións documentais e lecturas específicas para o curso 2026-2027.
Ao xurado do premio estivo integrado pola escritora, activista e directora do Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra Eva Mejuto; a escritora, docente e crítica literaria Susana Sanches Arins e a docente, integrante da Sega e padroeira da Fundación María Reimóndez, Montse Paz.
O acto de entrega do premio, no que participarán María Reimóndez e a artista Luz Darriba, realizarase o vindeiro sábado 5 ás 12 horas no espazo Arte e Parte e está aberto ao público.”