O Obradoiro de creación literaria Non sei o que vou escribir é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, actividade subvencionada pola Deputación da Coruña, coa colaboración da Libraría Couceiro, de Santiago de Compostela.
Será impartido por Carlos Callón, contando cunha sesión especial a cargo de Antón Lopo.
“Este é un obradoiro que parte dunha idea de Marguerite Duras que acompañou e continúa a acompañar o relator na súa traxectoria como poeta e ensaísta: «Escribir é tentar saber o que escribiriamos se escribísemos». Ao longo das sesións abordaremos a escrita non só como expresión dunha idea previa, senón tamén como ferramenta de descubrimento e, mesmo, como forma de nos achegarmos a algo que poidamos chamar verdade, con aspas ou sen elas.
A través dun percurso pola obra do relator, desde os primeiros proxectos até os máis recentes, exploraranse cuestións como o nacemento dun libro, a procura dunha voz propia, as relacións entre documentación e creación, a escolla da forma, a reescrita e os procesos polos que textos dispersos acaban conformando unha unidade, ou talvez un enxame. As sesións combinarán exposición, lectura comentada, conversa e prácticas breves.”
Hai 20 prazas para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta, realizarase, indicando nome e apelidos, xunto ao nome do obradoiro, enviado un correo electrónico a oficina@aelg.org. As solicitudes atenderanse por orde cronolóxica de chegada. A inscrición de cada persoa participante entenderase feita para o conxunto da actividade.
Horarios e calendario:
De 17:00 a 19:00 h. nas seguintes cuartas feiras/mércores:
– 14, 21 e 28 de outubro
– 4, 11, 18 e 25 de novembro
– 2, 9 e 16 de decembro
Todas as sesións terán lugar na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), en Santiago de Compostela.
Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.
