Miguel Anxo Fernández, escritor e teórico do cinema: “A novela policial sempre tomou o pulso á sociedade do momento”

Entrevista de Antón Escuredo e Miguel Anxo Fernández en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Frank Soutelo leva camiñando connosco case un cuarto de século. Como mudou a súa ollada e a súa maneira de abordar os casos en todo este tempo?
– Miguel Anxo Fernández (MAF): Eu sempre me preocupei por facer que o personaxe evolucionase bioloxicamente comigo. Neste senso, na triloxía estadounidense, onde se forma como detective, sempre ten en conta as raíces galegas. Os referentes que collín para o personaxe son os da miña madriña, que naceu en Nova York; o seu pai, que era de Punxín, e a nai, de Vigo. Sempre viaxou e eu tiven moitas experiencias de como falaba do noso país. Daqueles recordos e do seu carácter collín a percepción que teñen os estadounidenses do noso. O primeiro recurso que ten o personaxe para resolver os casos é a violencia, foi o que aprendeu primeiro en Nova York e despois nos Ánxeles, unha actitude innata que teñen nese país. Alí conta con licenza de detective e pode levar armas. A partir da cuarta incorpórase á Galiza por ter aquí a familia: o seu pai é de Soutelo de Montes (Forcarei) e a súa nai, de Muros. Aquí xa non conta con licenzas e creei varios personaxes complementarios sempre dentro da verosimilitude. Aparecen a detective Dalia Maxino, o garda municipal Franeiras, o garda civil xubilado chamado Poncio e a tía Castora, que achega a sabedoría popular.
– ND: A súa terra natal convértese nun dos escenarios centrais da trama. Como foi o proceso de ficcionar e encher de “segredos inconfesábeis” un espazo tan familiar para vostede?
– MAF: Quería intentalo. Se na anterior novela o marco era todo o país, aquí procurei un ambiente pequeno, onde todos se coñecen. Non é moi habitual, neste tipo de escenarios, que haxa asasinatos como acontece nas cidades; aquí as vítimas son coñecidas. Hai unha transcendencia mediática que permite ao autor sacarlle todo o rendemento. A propia casa que aparece na capa é unha vivenda singular do século XIX que existe no Carballiño. Ten como característica curiosa que os laterais son de latón pintado e, dependendo da hora do día ou de se chove, cambia de cor; tiña que aparecer na novela. Ademais, engado algúns capítulos que transcorren en Cambados, en Vigo e en Muros.
– ND: Como inflúe ser historiador e crítico cinematográfico na planificación da estrutura e do ritmo visual desta novela?
– MAF: Fago literatura de xénero, polo tanto popular, a que sempre tivo mala prensa. Hai sempre unha distinción entre a alta literatura e a de xénero. A primeira dáme un pouco de medo, como acontece co cinema de autor, que se vai demasiado ao lado do autor. Chega un momento en que as películas semellan máis un exercicio onanista que unha forma de comunicar. Cando escribes unha novela ou fas unha película, buscas comunicarte ao nivel que sexa co espectador ou co lector. Se non existe comunicación, non vale para nada.
Procuro darlle á novela policial o que foi sempre: o pulso da sociedade do momento. Ademais da resolución dun caso están tamén as periferias, as reflexións. Aquí toco o feminicidio, os malos tratos, o tema dos migrantes, a especulación inmobiliaria e o tráfico de arte. Todos están de actualidade, aparecen na prensa diaria. Logo está o traballo de pólo no papel e aí recoñezo que o ritmo é cinematográfico. Os capítulos son secuencias. Neste caso xogo co flashback. Con todo, cando escribo non son disciplinado. A literatura, para min, é satisfacción persoal. Eu divírtome escribindo e non son disciplinado. Non fago como os escritores que teñen un horario, escribo cando teño ganas. Tampouco aspiro a nada, aínda que nove novelas dun detective sexan un récord neste país. (…)”