Entrevista de Tensi Xesteira a Miriam Ferradáns en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como empeza a escribir?
– Míriam Ferradáns (MF): Sempre hai algo de inexplicábel en comezar a escribir sobre algo. Primeiro chega a necesidade de observar, de escoitar, de tentar comprender aquilo que acontece ao meu redor. A escrita aparece despois como unha forma de ordenar esa mirada, pero tamén de cuestionar o que parece inamovíbel. Co tempo comprendín que escribir non consiste só en atopar palabras para o que sabemos, senón en achegarnos a aquilo que aínda non somos capaces de comprender. A poesía permíteme habitar esa incerteza.
– ND: Cal é a súa primeira lembranza do mar?
– MF: Non son capaz de saber con claridade cal é. Penso que se respondo estaría simulando unha lembranza que probabelmente non fose a iniciática. Pero, evidentemente, coñecín o mar en canto nacín.
– ND: Comeza Peixes de luz cunha declaración de intencións: “Aínda hai peixes de luz”. Onde están?
– MF: Están naquilo que persiste malia todo. Nas persoas que conservan unha forma de dignidade mesmo cando a vida non foi especialmente xenerosa con elas. Están no porto todas as mañás. Saen dos seus agochos coas primeiras luces do día.
Os peixes de luz son, dalgún xeito, unha forma de resistencia e resistir sempre é practicar a esperanza.
– ND: Rende homenaxe a unha xeración de homes do mar. Que teñen que dicirnos estas voces?
– MF: Creo que máis ben sería un intento de restitución da mirada. Son homes aos que vemos todos os días e que, precisamente por iso, ás veces deixamos de ver. Interesábame afastalos da postal costumista e recoñecer a complexidade das súas vidas. Tamén hai unha chamada de atención sobre o que acontece despois de levar toda unha vida ao mar, cuxa frase non ten nada de metafórico. Cando remata aquilo que lles deu a súa identidade, cal é a súa nova corporeidade? Regresan ou algo queda prendido no océano para sempre? (…)”