Os Premios estatais da Crítica galardoan Manuel Rivas e Daniel Salgado

Desde Nós Diario:
Manuel Rivas e Daniel Salgado son dous dos gañadores dos Premios estatais da crítica 2025, que se deron a coñecer o sábado 26 en Salamanca. O Premio da Crítica é o único que se concede nas catro linguas oficiais do Estado, e celebra as mellores obras literarias publicadas no Estado tanto de narrativa como de poesía, un galardón sen dotación económica pero con prestixio entre escritores, editores e lectores.
Os premiados na categoría de lingua galega foron Tras do ceo, de Manuel Rivas, en narrativa; e Poemas realistas, de Daniel Salgado, en poesía.
Tras do ceo é a primeira novela dunha serie histórica que Rivas quere vertebrar sobre o eixe da caza do home polo home e a depredación da natureza. Con Tras do ceo, o autor coruñés adéntrase no xénero negro cunha novela “radical, salvaxe e sen edulcorantes” e que, segundo o propio Manuel Rivas, “é diferente a calquera outra”.
Poemas realistas é a nova entrega de Daniel Salgado, un poeta fundamental na poesía galega última, e nela explora as posibilidades do poema como testemuña dunha época ou a devoración dunha época que impón o poema. (…)”