Entrevista de Xacobe Ferreiro a Iria Morgade Valcárcel en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario: Como foi o proceso de recuperación de memoria democrática após a morte de Franco e que a actividades se desenvolveron nese sentido?
– Iria Morgade: A investigación amosa, en contra do relato dominante, que afirma que tras a morte de Franco se desenvolveu un consenso sobre o esquecemento ou do discurso sobre o pacto de silencio, que si existiu memoria. En definitiva, ambas as lecturas da transición negaron a existencia da memoria traumática no espazo público, tras a morte do ditador. O traballo certifica que nos primeiros 10 anos posteriores á morte de Franco desenvolvéronse accións memorialísticas. Neste sentido, a investigación arroxou o coñecemento dun rico ecosistema de accións da memoria cun rexistro de máis de 300 iniciativas, o que constata a existencia dun desexo de recordo nun tempo definido como o do esquecemento e do silencio. O que negou o relato do esquecemento foi a existencia de memoria. Parecía que non había nada, pero isto non era así. Os que fixeron memoria actuaron nunhas circunstancias moi complicadas, porque estaban cuestionando o relato dominante e porque a memoria cuestiona un sistema político que non foi de ruptura.
A represión contra o movemento da memoria foi moi dura neses anos, chegando a prohibirse a homenaxe a Bóveda en 1976. (…)”