A Coruña: Perfomance poética: Nao Cetácea. A resistencia mariñeira con Xosé Iglesias


“O 7 de novembro, ás 19.30 h, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, o poeta e mariñeiro Xosé Iglesias presentará unha performance poética e audiovisual.
O acto, de aproximadamente unha hora de duración, combinará a creación plástica en directo (o autor pintará un tema mariño con acuarelas) coa proxección dunha peza audiovisual. Esta peza, gravada a bordo do seu pesqueiro “Primero Villar”, formúlase como un “canto poético ao mar” e, á vez, como un “berro de esperanza por un oficio que pouco a pouco vai chegando ao seu límite”.
A intervención busca artellar un discurso sobre o mar desde o propio mar, seguindo o ronsel de referentes como Manoel Antonio. Proxectaranse tamén videopoemas baseados nos seus catro poemarios anteriores: Transfusión Oceánica, A relixión do mar, Luces da Costa da Morte e Atlántico Norte, Chamádeme Ismael.
Ademais da performance, presentarase a súa última publicación, o álbum ilustrado Nao Cetácea (Editorial Canela), que continúa a liña da súa obra previa, Nación Mar. Concibido como un “libro de resistencia mariñeira”, Nao Cetácea recolle en 60 ilustracións anécdotas e historias dos pesqueiros do noso país, ofrecendo unha testemuña gráfica e poética dunha cultura en profunda transformación.
As persoas interesadas poden inscribirse aquí.”