As empresas tecnolóxicas, identificadas pola cidadanía como responsábeis de desvalorizar a cultura escrita

CEDRO presentou en Madrid o Terceiro Observatorio da Sostibilidade da Cultura Escrita, un estudo que revela que a cidadanía considera as empresas tecnolóxicas como principais responsábeis da desvalorización creativa e editorial, ao estar contribuíndo a democratizar o uso non autorizado de contidos protexidos.
O informe tamén propón avanzar cara a un Pacto de Estado para a protección do valor editorial, que involucre de xeito transversal os ámbitos político, xurídico, económico e tecnolóxico dos gobernos das administracións locais, autonómicas e central.
O estudo foi presentado por Carme Riera, presidenta de CEDRO; Jorge Corrales, director xeral da Entidade; e Héctor Jiménez, director de Qbo, consultora encargada da súa realización.
Carme Riera moderou un diálogo sobre o impacto da intelixencia artificial xenerativa no mundo da creación, en que participaron Jesús Badenes (Grupo Planeta) e as escritoras Najat El Hachmi e Carmen Posadas. A xornada foi clausurada por Carmen Páez, subsecretaria do Ministerio de Cultura.

A cultura escrita como “ben de mérito” e a súa protección: unha cuestión de Estado
A análise confirma que a sociedade considera a cultura escrita un “ben de mérito” polos seus beneficios sociais. Carme Riera destacou que a súa protección «debe ser entendida como unha auténtica cuestión de Estado, pois sen cultura escrita non hai democracia sólida, nin educación libre, nin desenvolvemento social sostíbel».
En liña con esta idea, o informe revela que o 83,7 % dos enquisados afirma que respectar os dereitos de propiedade intelectual constitúe unha boa práctica social, xa que se percibe como unha fórmula de autocoidado.
«A cultura escrita require tempo, esforzo intelectual e un compromiso ético que deben ser recoñecidos legal, social e economicamente», sinalou Riera. «Se non hai sostibilidade da cultura escrita, a liberdade de crear e editar deixará de ser un dereito e volverá ser un privilexio, obrigándonos a depender dun mecenas, como ocorría no Século de Ouro español», engadiu a presidenta de CEDRO.

As tecnolóxicas como responsábeis da desvalorización creativa e editorial
O terceiro Observatorio de Sostibilidade da Cultura Escrita identifica que a cidadanía responsabiliza as empresas tecnolóxicas da desvalorización do traballo creativo e editorial. Neste sentido, o 45,7 % das persoas consultadas percibe que os intereses da tecnoloxía e a cultura son contrapostos e o 63 % considera que as empresas tecnolóxicas deberían contar co permiso do autor ou editor antes de utilizar contidos, por exemplo, para adestrar intelixencia artificial. Ademais, o 72,7 % opina que o sector público prioriza os intereses tecnolóxicos por riba dos do sector cultural.
Riera explicou que «nas últimas décadas, provocou avanzar cara a unha profesionalización do sector, a tecnoloxía levounos a unha desvalorización do noso traballo, e os nosos oficios –chave en sociedades cultas, avanzadas e democráticas– dependen cada vez máis da vocación de quen os exercemos».

A protección da propiedade intelectual: unha tarefa transversal nos gobernos
A cidadanía pide unha resposta institucional coordinada ante esta situación. O 52 % dos enquisados considera que a defensa dos dereitos de autor debe involucrar as áreas de Cultura, Transformación Dixital, Industria e Xustiza, e non depender unicamente do ámbito cultural.
Por iso, afirmou Riera, «CEDRO propón un Pacto de Estado para a protección do valor de libros, revistas, xornais e partituras, que involucre a todos os sectores políticos, xurídicos, económicos e tecnolóxicos dos gobernos».

Déficit de información
O estudo tamén revela un importante déficit de información sobre os dereitos de autor, o que dificulta que a sociedade valore axeitadamente os beneficios sociais que estes xeran.
Un 67,6 % dos participantes no estudo considera que falta información nesta materia, mentres que un 88,7 % demanda con urxencia explicar mellor tanto os factores positivos asociados á protección da propiedade intelectual como os efectos negativos que a tecnoloxía pode provocar sobre a creación cultural.

Exemplaridade institucional
As prácticas que afectan á sostibilidade da cultura escrita continúan sendo motivo de preocupación. Entre elas destacan o plaxio de contidos ou a reutilización de contidos editoriais sen autorización nin remuneración, como as copias en institucións, a distribución do clipping de prensa ou o uso de obras para adestrar intelixencia artificial sinaladas por máis do 75 % dos enquisados. Estas prácticas reducen o valor das obras e xeran incerteza sobre o futuro do sector editorial.
Alén diso, a cidadanía considera que a exemplaridade institucional é chave. Un 95,8 % manifesta que o cumprimento dos dereitos de autor por parte das Administracións é igual ou máis importante que o das empresas tecnolóxicas. Protexer a cultura escrita enténdese como un compromiso ético e social, tal e como sucede nas universidades do Estado mediante o acordo que existe entre CEDRO e CRUE.
Un 88 % dos que participaron no estudo reclama conectar as políticas públicas coas expectativas sociais nesta materia.
O Observatorio tamén advirte que os nesgos institucionais, ao ignoraren os dereitos de autor ou priorizaren a tecnoloxía sobre a cultura, debilitan a confianza social; superalos é chave para garantir un acceso responsábel ao coñecemento.

A IA, entre a fascinación e o temor
A Intelixencia Artificial (IA) esperta tanto interese como preocupación entre a sociedade. Segundo o estudo, o 51,4 % da poboación xa coida que representa un risco alto para a sociedade, especialmente pola manipulación informativa e a perda de pensamento crítico.
«As tecnolóxicas utilizaron obras de escritores, xornalistas e tradutores sen consentimento nin compensación», lembrou Jorge Corrales, «Non se tratou dun descoido, senón dunha decisión económica».
O estudo ofrece unha serie de datos sobre a percepción cidadá respecto da IA:
– O 73 % dos usuarios utiliza contidos preexistentes nos seus prompts, o que implica que gran parte dos materiais usados para adestrar IA teñen dereitos de autor.
– O 89,7 % cre que o Estado debe regular a IA, especialmente no ámbito cultural, e un 64,3 % considera que esa regulación é esencial para garantir que a tecnoloxía estea ao servizo das persoas, e non ao revés.
– O 89 % vencella o progreso sostíbel á axeitada protección de autores e editores.
«Humanizouse a IA para xerar confianza, mais ao facelo eslúe a responsabilidade de quen a controlan», advertiu Corrales. «O Observatorio demostra que a sociedade non se opón á tecnoloxía, mais si exixe equilibrio, transparencia e xustiza».
«Non se trata de frear a innovación, senón de darlle dirección e sentido humano, de garantir que o progreso tecnolóxico non se constrúa á custa da precariedade de quen crean», concluíu o director xeral de CEDRO.

Solucións: liñas de acción
No Observatorio propóñense como medidas para avanzar na sostibilidade da cultura escrita impulsar unha lexislación clara que elimine as ambigüidades sobre o uso de contidos editoriais en contornas dixitais, garantir transparencia institucional na súa utilización e distribución, fomentar a educación e formación sobre dereitos de autor en todos os niveis educativos e na Administración pública, e desenvolver campañas de sensibilización que destaquen o valor dos contidos, promovan o respecto aos autores e alerten sobre as consecuencias da pirataría.
A investigación, levada a cabo por Qbo, combina unha metodoloxía mixta con técnicas cuantitativas e cualitativas, entre as que se inclúen enquisas, entrevistas e dinámicas de grupo con usuarios de contidos dixitais.

I e II Observatorio de Sostibilidade da Cultura Escrita
O Observatorio da Sostibilidade da Cultura Escrita é unha iniciativa de CEDRO cuxo obxectivo é analizar a situación dos dereitos de autor no sector editorial estatal.
No I Observatorio constatouse que o sector editorial vive unha situación de desvantaxe competitiva respecto aos países da súa contorna. As causas principais son a baixa remuneración pola reutilización de contidos e o incremento da pirataría, entre outras cuestións.
O II Observatorio afondou na percepción social sobre os contidos editoriais e a propiedade intelectual. Revelou que a cidadanía valora e ampara o traballo de autores e editores, e apoia a posta en marcha de políticas públicas que reforcen os seus dereitos. O estudo identificou tamén os nesgos cognitivos e as xustificacións que hai detrás do consumo ilícito de contidos editoriais dixitais, moitos deles potenciados pola tecnoloxía e a falta de exemplaridade institucional.