“Intelixencia Artificial Xenerativa e dereitos de autoría: do mito da máquina que pensa á realidade da reprodución literal e do puro cálculo matemático”, artigo de Jorge Corrales, Director xeral de CEDRO

Desde CEDRO:
A experiencia e as análises efectuadas nos últimos anos veñen confirmar que os contidos editoriais protexidos polo Dereito de Autoría son utilizados para o desenvolvemento dos sistemas de intelixencia artificial xenerativa (IAX) e como, en distintos formatos e de diferentes formas, son reproducidos en todas as fases de desenvolvemento dese sistema.

Esta explotación das obras, de acordo coa normativa e xurisprudencia europea, exixe a autorización dos seus autores e editoras e unha remuneración xusta por estes usos, algo que parecen esquecer os desenvolvedores, privados e públicos, deste software de IA.

Como non podía ser doutro xeito, a formulación arriba exposta, en relación á utilización de obras protexidas, veu ser referendada por un representante do Barcelona Supercomputing Center (BSC) nun obradoiro sobre IA e dereitos de autoría, organizado pola Comisión de Asuntos Xurídicos do Parlamento Europeo, o pasado 4 de xuño.

O representante do BSC puxo de manifesto que no desenvolvemento da IAX «cada fase –inxestión, procesamento, aprendizaxe– necesariamente implica acceder e copiar contido protexido, non simplemente ideas».

E isto é así porque na contorna dixital, tradicionalmente as obras, por exemplo os libros, xornais, revistas e partituras, representáronse mediante un código binario –secuencias de ceros e uns–, que permite almacenar e procesar a información. Esta codificación almacenaba implicitamente tamén a información relativa á orde das palabras e a súa posición no texto. Trátase, pois, de estándares que permitían e permiten a reprodución dixital de obras, xerando unha especie de ciclo de tradución entre a linguaxe humana e a linguaxe das máquinas, permitindo que estas o entendan.

Algúns dos primeiros desenvolvementos modernos da IAX seguían a idea secuencial da era binaria. Pero non hai que deixarse enganar, esta tecnoloxía naceu co obxectivo de reducir o custo de almacenamento da información e aumentar a eficiencia na súa xestión. Con todo, agora, co desenvolvemento dos modelos baseados en Transformers, os procedementos de tradución da linguaxe humana á linguaxe das máquinas mudaron.

A tecnoloxía Transformers permite reproducir de xeito literal a información e a expresión orixinal da obra. De acordo coa RAG, literal significa: «Conforme ao sentido propio e exacto das palabras do texto.». A diferenza doutros sistemas que codifican as palabras en formato binario –ceros e uns–, os Transformers utilizan representacións vectoriais multidimensionais, mediante unha técnica coñecida como embedding.

Esta técnica de embedding codifica a seguinte información:

– Vector de tokens da palabra: reproduce a palabra.
– Vector de posición: reproduce a posición da palabra na frase, texto, etc. Sen a inclusión desta información de posición non se podería desenvolver a parte de valor semántico (significado) e de contexto do modelo.
– Vector de significado (semántica): reproduce o significado que o/a autor/a deu á palabra no texto.
– Vector de contexto: reproduce a relación da palabra co contexto.

Por tanto, e sen necesidade sequera de ser preguntado sobre o acceso lexítimo ás obras que son utilizadas para o desenvolvemento das aplicacións de IAX, o representante do BSC afirmou que, na fase de “inxestión” –preparación do repositorio inicial de obras, coñecido tecnicamente como “dataset”– é preciso acceder e reproducir obras protexidas. Isto implica que na primeira etapa no desenvolvemento da IAX se require a reprodución dixital de todas as obras incluídas no repositorio, para o que é necesaria a autorización dos seus titulares de dereitos. E este punto é chave antes de analizar se cabería a aplicación do límite de minaría de textos e datos previsto no artigo 4 da Directiva 2019/790, que permitiría o uso das obras sen autorización para algúns fins, xa que antes sería preciso contar con ese acceso lexítimo ás mencionadas publicacións para que fose legal.

Así mesmo, cando o representante do BSC recoñece que na fase de procesamento resulta imprescindíbel reproducir as obras para transformar cada palabra en tokens, unidades mínimas que o modelo utiliza para operar (polo referido custo de almacenamento e de cálculo), e demais vectores comentados.

Neles inclúense as características semánticas e contextuais do contido, quer dicir, a expresión orixinal das obras protexidas polos dereitos de autoría. Polo que tamén aquí sería preciso o permiso dos titulares. Múltiple é a xurisprudencia do TXUE que o confirma: «…a protección do dereito de autoría abrangue as expresións mais non as ideas, procedementos, métodos de operación ou conceptos matemáticos en si…». Véxase, neste sentido, a sentenza de 2 de maio de 2012, SAS Institute, C‑406/10. Cuestión tamén sinalada polo propio BSC na súa presentación.

De igual xeito, o representante do BSC explicou que durante a fase de adestramento dun modelo de IAX tamén é necesario acceder e reproducir contidos protexidos como parte do proceso técnico, mais neste caso en forma dos referidos vectores obtidos no paso anterior. Estes vectores, unha vez introducidos en forma de matrices na rede neuronal, permiten realizar cálculos matemáticos –como a obtención de derivadas– para reducir o erro entre o valor real e o que devolve o modelo.  Por tanto, esta fase implica necesariamente outra reprodución máis, efectuada nun formato diferente da obra nacida directamente do/a autor/a.

O representante do BSC expuxo, ademais, que na fase de xeración do modelo –quer dicir, cando este é utilizado polos usuarios– non se produce acceso nin reprodución directa das obras ou de reproducións das obras orixinais do/a autor/a por parte do modelo de intelixencia artificial xenerativa.

Agora ben, aínda que o modelo non accede directamente ás obras ou ás expresións no devandito de xeración, os resultados que xera (comunmente denominados outputs) poden reproducir parcial ou totalmente contidos protexidos e, tamén, transformalos e comunicalos publicamente. A pesar diso, os desenvolvedores, ao meu xuízo, non implementan conscientemente medidas tecnolóxicas que bloqueen estes resultados que afectan directa e gravemente os dereitos de autoría, a normal explotación das obras e ao traballo realizado por autores/as e editores/as. Ademais, hai que ter en conta que os modelos desenvoltos polo BSC, como MarIA e ALIA, foron postos a disposición de usuarios empresariais con fins comerciais.

Por certo, o representante do BSC tamén advirte na súa intervención sobre a dificultade de garantir a rastrexabilidade do uso dos contidos protexidos nas respostas ou resultados (output) das aplicacións de IAX. Esta cuestión xa foi contemplada polo lexislador: tanto o artigo 17 da Directiva 2014/26/UE como o artigo 167 da Lei de Propiedade Intelectual estabelecen que a responsabilidade de informar sobre os usos das obras é unha obriga que recae no usuario do material protexido, unha cualificación que o propio BSC non cuestiona.

Por tanto, a existencia de dificultades técnicas para garantir a rastrexabilidade, a información sobre a orixe das obras utilizadas para obter eses resultados, non encaixan coa obriga legal de respecto aos dereitos dos titulares nin xustifica a falta de remuneración aos mesmos. Esta obriga é claramente do desenvolvedor e, en ningún caso, pode trasladarse aos titulares, quen deben dar a autorización e recibir a remuneración que lexitimamente lles corresponde.

É importante sinalar a necesidade de estabelecer medidas de seguridade eficientes sobre as bases de datos vectoriais que moitos dos desenvolvedores utilizan para almacenar os embeddings –é dicir, as representacións vectoriais de obras protexidas–, pois non está claro que sexan irreversíbeis e que permita reconstruír as obras, en todo ou en parte, o que incrementa o risco de infraccións contra os dereitos de autoría.

Como resumo, un novo cambio de tecnoloxía para reproducir obras ou a súa expresión orixinal, quer dicir, de codificación binaria a embedding, propiciou un debate que non é real e que foi motivado por intereses que ameazan con desartellar aínda máis os principios fundamentais da nosa sociedade.

Habemos lembrar que, durante os últimos trinta anos desenvolvéronse políticas de rent seeking –segundo as denomina a teoría económica– sobre os dereitos de autores e editoras. Estas políticas, baseadas en conceptos legais como fair use ou límites ou excepcións ao dereito de autoría, potenciaron a medio e longo prazo os seguintes resultados:

– O desenvolvemento de barreiras de entrada que limitan a competencia no mercado de servizos dixitais, apoderando aquelas empresas que puideron desenvolver accións de venda cruzada de produto a prezo 0.
– O desenvolvemento de inestabilidade nas contornas sociais, ao primar nesas empresas unicamente obxectivos económicos, obviando a súa responsabilidade sobre cuestións sociais e medioambientais.
– A debilitación do impacto social dos valores do sector da cultura escrita e, por tanto, a do propio sector e a sociedade.

Por todo isto, e co obxectivo de acadar o pleno respecto aos dereitos de autoras e editores no escenario que presenta a IAX, é fundamental analizar axeitadamente os intereses que non se fan explícitos e que están detrás destes novos desenvolvementos tecnolóxicos. Sen esquecer, claro é, ir alén dunha simple análise de conflito de intereses, que en moitos casos é disfrazado de escasa capacidade orzamentaria a curto prazo.

E acabo cunha pregunta: así como no seu momento, co desenvolvemento da tecnoloxía dixital baseada en código binario, foi necesario un tempo para acordar un modelo de reprodución da obra –como o foi o código ASCII–, non estaremos, talvez, ante unha situación similar? Acaso non veremos, co tempo, a creación dun novo modelo para a reprodución da obra ou da expresión da obra no espazo multidimensional dos embeddings?”

A AELG súmase á Carta Aberta dirixida por Creators for Europe United á Comisión Europea sobre a Intelixencia Artificial

Destacado

Transcribimos a carta escrita por Creators for Europe United dirixida a Henna Virkkunen, vicepresidenta executiva da Comisión Europea responsábel de Soberanía Tecnolóxica, Seguridade e Democracia, en que se solicita unha maior protección dos valores europeos e as obras creativas.
Creators for Europe United está formado por autoras/es, músicas/os, actrices, actores, cineastas, fotógrafas/os, ilustradoras/es, compositoras/es, deseñadoras/es, arquitectas/os, xornalistas, tradutoras/es, artistas, produtoras/es, editoras/es e representantes dos medios de comunicación e as industrias culturais de toda Europa.

Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega mantemos o noso compromiso na defensa das/os creadoras/es de contido e sumámonos ás voces europeas en defensa dos dereitos de autoría. No final do texto, podes acceder ao formulario de sinatura para apoiar a Carta.

“25 de abril de 2025

Estimada Vicepresidenta executiva Virkkunen,
Protexa a alma creativa de Europa!

Europa é moito máis que unha área xeográfica. É unha promesa cultural, unha promesa de liberdade, diversidade, innovación e cooperación. Esta promesa inspirou artistas, creadoras/es e visionarias/os durante xeracións.
Hoxe, porén, esta herdanza vese ameazada, non só pola división política, senón por un desenvolvemento tecnolóxico que degrada o noso traballo creativo a un mero recurso: a intelixencia artificial xenerativa.
Nós, as voces das industrias creativas europeas –autoras/es, músicas/os, actrices/actores, cineastas, fotógrafas/os, ilustradoras/es, compositoras/es, deseñadoras/es, arquitectas/os, xornalistas, tradutoras/es, artistas, produtoras/es, editoras/es e representantes dos medios de comunicación e as industrias culturais–, estamos dando a voz de alarma.
Os nosos dereitos como creadoras/es e titulares de dereitos están sendo sistematicamente erosionados baixo o pretexto de «promover a innovación». Miles de millóns de obras creativas estanse utilizando como base para sistemas de IA sen o noso coñecemento, sen o noso consentimento e sen remuneración. A Comisión Europea fixo moi pouco para protexernos disto.

Por tanto, instamos a que se tomen medidas decisivas e rápidas:
1. Transparencia total sobre os traballos, contribucións e actuacións que se usaron e se usarán para adestrar modelos de IA xenerativa e outro fins.
2. Remuneración axeitada polo uso das nosas obras.
3. Aplicación coherente das leis de dereitos de autoría aplicábeis, mesmo contra as empresas tecnolóxicas.
4. Participación das industrias culturais, creativas e dos medios de comunicación en todos os procesos reguladores para o goberno da IA.

A intelixencia artificial depende do noso contido creativo para funcionar. Sen ela, a IA está cega, baleira e sen palabras. Na actualidade, son exclusivamente os/as desenvolvedores/as dos modelos os que se benefician, mentres as/os creadoras/es e titulares de dereitos están sendo expropiadas/os.
A IA pode ser un motor de progreso, pero só se se basea en sólidos alicerces xurídicos e éticos.
Se Europa perde as súas creadoras e creadores, non só perderá a súa identidade cultural, mais tamén un dos seus sectores económicos máis fortes. Sacrificar este potencial significa pór en perigo o futuro de Europa.

Facemos un chamamento encarecido para:
Protexer a alma creativa de Europa, protexer os valores e as obras europeas. Actuemos agora para garantir un desenvolvemento xusto, transparente e conforme á lei da intelixencia artificial. Europa non pode ficar de brazos cruzados mentres se desvalorizan os seus fundamentos culturais.
Con énfase e moita preocupación, mais tamén coa esperanza de contar cunha potente e xusta regulación.”

Ligazón para asinar a petición

A AELG adhírese ao manifesto Intelixencia Artificial e Dereitos de Autor

Desde a AELG adherímonos ao Manifesto Intelixencia Artificial e Dereitos de Autor, do que achegamos a continuación a súa tradución ao galego, feita por Xavier Queipo.

“O Consello Europeo de Escritores (EWC), o Consello Europeo da Asociación de Tradutores Literarios (CEATL) e a Federación de Editores Europeos (FEP) piden aos Estados membros e á Comisión Europea:

a) PROTEXER OS LIBROS CREADOS POR HUMANOS.
b) ETIQUETAR OS PRODUTOS XERADOS POR INTELIXENCIA ARTIFICIAL E
c) RESERVAR A APLICACIÓN DE CALQUERA FINANCIACIÓN PÚBLICA CULTURAL A OBRAS CREADAS POR HUMANOS.

Diante da proliferación de producións xeradas pola Intelixencia Artificial (IA) que tentan imitar a arte humana, é dicir, novelas, poemas, fotos ou ilustracións, moitas veces atribuídas a falsos creadores humanos; os asinantes queren expresar a súa firme obxección a consideralos produtos cuestionables como obras de arte. As obras de arte son creadas unicamente por seres humanos. Polo tanto, ningún destes produtos poden ser considerado como obras creativas. Tamén hai que subliñar que os produtos non fabricados por humanos non deberían de se beneficiar de lexislacións específicas sobre dereitos de autor, que é un axioma crucial para valorar as obras de arte.

Os “libros” xerados pola intelixencia artificial son produtos falsos e, a miúdo, mesmo daniños que corren o risco de esgotar as lexítimas fontes de ingresos de escritores, tradutores literarios, editores e libreiros. A cadea de valor contábel existe de xeito integrado para ofrecer aos lectores unha oferta o máis ampla posíbel de obras literarias auténticas.

Así e todo, recentemente, estamos a ver unha afluencia aparentemente incontrolábel de libros xerados por intelixencia artificial, que prexudican non só aos autores, a outros titulares de dereitos e ao ecosistema do libro, senón ao conxunto da sociedade, ao pór en cuestión unha das actividades máis nobres da cultura humana, a narración e a creación escrita.

Secasí, o sector do libro pide o apoio dos responsábeis políticos para desenvolver un sólido sistema de control e un marco legal correspondente co máis alto nivel de transparencia arredor dos produtos xerados pola IA. Ademais, hai necesidade urxente de informar aos consumidores sobre o asunto. Para protexer e apoiar o ser humano, creadores, escritores, tradutores literarios e artistas, os libros deben ser recoñecidos como “un legado e un activo fundamental da humanidade, e a creatividade debe de se recoñecer como un proceso que axuda ás persoas a expresarse e repensar as súas formas de ser e de facerse”.

Os asinantes sosteñen que só deberían beneficiarse de especial tratamento as obras creadas por humanos (tal como, mais non limitado a, protección de dereitos de autor, financiamento cultural ou premios literarios) que as obras literarias gozan cando se colocan no mercado. Ademais, unímonos a deplorar o feito que os produtos compilados por modelos xerativos de IA foron desenvolvidos a través dun roubo masivo de obras protexidas por copyright, tomadas sen permiso, atribución ou remuneración aos autores e outros titulares de dereitos, e cuxa existencia no mercado canibaliza a fonte lexítima de ingresos de millóns de escritores, tradutores literarios, editores e libreiros a un ritmo sen precedentes, o que pon en perigo todo o ecosistema cultural europeo.

Os asinantes piden unha obriga de transparencia efectiva para os produtos xerados pola intelixencia artificial que claramente os distinga das obras realizadas polos seres humanos. Ademais dos beneficios sociais dun forte transparencia para estes produtos, este tipo de medidas tamén traería vantaxes para lectores e consumidores, en termos de equidade e elección.

Deben tomarse as máximas precaucións para evitar calquera forma de financiamento público destinado á cultura, ou concedidos polas Administracións Públicas a organismos culturais, sexan entregados a propietarios de software, programadores ou desenvolvedores, ou produtores de libros compilados con IA. Hai que ter coidado especial para evitar bibliotecas financiadas con fondos públicos que compren este tipo de produtos.

Recoñecendo todo o anterior, pedimos:

• Desenvolver un mecanismo robusto para a transparencia en torno á aparición de produtos xerados pola IA semellantes aos libros, e, polo tanto, confuso para o público. Este sistema deberá identificar responsabilidades, para unha mellor protección dos consumidores, lectores, autores e outros titulares de dereitos.

• Adoptar medidas especiais para evitar que a UE financie con fondos públicos procedentes de programas dedicados á cultura (como Europa Creativa) e beneficie aos codificadores ou ás empresas de IA xeradora, cando se trata de produtos similares aos libros. Isto inclúe, pero non se limita a, bolsas de estudo, residencias ou programas de viaxes, bolsas de redacción ou tradución, bolsas de publicación, etc., e todo tipo de premios e premios culturais financiados con fondos públicos (recomendamos especificalo nas normas dos premios).

• Despregar iniciativas lexislativas e programas de formación a nivel da UE para promover unha mellor concienciación entre consumidores e lectores sobre o que é unha obra cultural e o que é unha estafa produto dunha compilación non humana.

A Unión Europea debe dar exemplo de como se debe protexer e valorar a cultura humana e defender o papel fundamental que xogan os libros na protección da democracia, o fomento da empatía e liberdade de expresión, axudando os cidadáns a desenvolver o pensamento crítico así como a gozar dunha fonte de calidade de entretemento e educación.

Os asinantes

O EWC (European Writers’ Council) é a federación máis grande do mundo que representa exclusivamente a autores do sector do libro e constituído por 50 asociacións de escritores e tradutores literarios profesionais de 32 países. Os membros do CEE son máis de 220.000 autores profesionais, que escriben e publican en 35 idiomas.

O CEATL (Consello Europeo de Asociacións de Tradutores Literarios) é unha organización internacional sen ánimo de lucro creada en 1993 como plataforma onde se atopan asociacións de tradutores literarios de diferentes países europeos, que se articula para poder intercambiar opinións e información e unir forzas para mellorar o estado e condicións de traballo dos tradutores. Hoxe é a maior organización de tradutores literarios en Europa, con 36 asociacións de 28 países, que representan a unhas 10.000 persoas tradutores literarios.

FEP (Federación de Editores Europeos) representa a 31 asociacións estatais de editores de libros, revistas e materiais educativos, en todos os formatos, en Europa. FEP é a voz do gran maioría das editoriais en Europa.”

O sector literario exixe que o uso da intelixencia artificial respecte as autorías

Desde Nós Diario:
“Nunha época de revolución tecnolóxica continua, a intelixencia artificial (IA) está mudando as dinámicas actuais en case todos os aspectos da vida e, por suposto, nin a cultura en xeral, nin a literatura en concreto, son unha excepción.
Precisamente, a oposición do sector cultural, que demanda pór couto ás tecnolóxicas no seu abuso da propiedade intelectual, obrigou a pasada semana o Ministerio de Cultura a retirar o Real Decreto para regular a intelixencia artificial xenerativa.
Neste sentido, Jorge Corrales, director xeral do Centro Español de Derechos Reprográficos (Cedro), impartiu esta sexta feira no Museo do Pobo Galego, en Compostela, unha conferencia titulada A Intelixencia Artificial. Retos actuais para a creación cultural.
Pouco antes de comezar este acto, no que estivo presente Nós Diario, Corrales atendeu este xornal. Segundo sinalou, “a propiedade intelectual, os dereitos de autor e a intelixencia artificial son aspectos cruciais no futuro inmediato da cultura escrita”.
Ao respecto, explicou, “o actual desenvolvemento dos sistemas de IA e os usos que se derivan disto deixan fóra actualmente un recoñecemento xusto dos dereitos dos autores e das autoras, xa que estas colaboran, sen ningunha dúbida, na xeración de valor que estes modelos achegan”. Porén, acrecentou, “as titulares vense rexeitadas do reparto de valor que se produce no emprego destas ferramentas”.
“É fundamental que se entendan todos os amplos espectros dos defectos que xeran as novas tecnoloxías e que, independentemente do tipo de cada unha delas, haxa unha máxima no uso de obras nestes produtos que sexa: Autorización, remuneración e transparencia na declaración dos usos”, defendeu.
O presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias, foi o encargado de introducir o relator, e tamén atendeu Nós Diario antes de comezar o acto. “A preocupación da AELG polas lóxicas que ten a intelixencia artificial é que traen dificultades para unha cultura como a nosa se non hai unha lexislación protectora que incorpore as novas formas de empregar a tecnoloxía dunha forma respectuosa co noso idioma e co noso sistema literario”, expuxo.
“Unha cultura como a nosa precisa estar nesta nova maneira de traballo e de ver o mundo, porque a IA crea formas de ver o mundo, mais é determinante que sexa respectada a propiedade intelectual nos fondos cos que hai que prover o software da intelixencia artificial”, engadiu.
“Temos que ter en conta que isto pode acabar nas mans das grandes plataformas, de feito é o que ten máis posibilidades de acontecer, sen que teña ningún beneficio para os creadores e as creadoras nin para a cultura”, afirmou o presidente da AELG.
Por este motivo, sinalou, “é un momento clave no que nos debemos achegar ao que significa todo o que está a pasar, algo que pode revolucionar as distintas artes e culturas, mais tendo claro que os dereitos de autor, aínda que sexan individualizados, tamén son garantes de que é respectada unha cultura e un idioma, así como de non descapitalizar a creación de maneira que haxa toda unha serie de plataformas que fan negocio”.
“A intelixencia artificial é algo que se compra e que se vende, así como os produtos que se elaboran con ela, e non se poden obviar todas as leis que existen sobre propiedade intelectual”, acrecentou. Ao respecto, concluíu Sánchez Iglesias, “pedimos que haxa autorización dos autores e das autoras, que haxa unha valoración económica do traballo de aquelas persoas que queiran ceder os seus contidos, e que haxa transparencia na trazabilidade do que se entrega á IA”. (…)”

Compostela: conferencia A Intelixencia Artificial. Retos actuais para a creación cultural, por Jorge Corrales, director xeral de CEDRO


O 7 de febreiro, ás 17:00 horas, no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, o director xeral de CEDRO, Jorge Corrales, impartirá unha conferencia baixo o título A Intelixencia Artificial. Retos actuais para a creación cultural. O acto será introducido por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.

A entrada é libre e gratuíta para todas as persoas interesadas. Non é necesaria inscrición previa.

Compostela: Xornada técnica na Biblioteca de Galicia. Intelixencia artificial: novas posibilidades para as bibliotecas, o 7 de febreiro

A inscrición poderá realizarse até completar as 100 prazas dispoñibles, nesta ligazón.

Pontevedra: Culturgal 2024, actividades do 29 de novembro

Este é o programa do Culturgal 2024. As actividades previstas para o 29 de novembro son:

Declaración da Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores sobre a Intelixencia Artificial Xenerativa (IAX)

“A plataforma de asociacións de autoras/es, constituída a inicios de ano e que representa case 10.000 autoras/es en asturiano, éuscaro, catalán, castelán e galego, entre os que se atopa a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, aprobou unha declaración pública sobre a Intelixencia Artificial Xenerativa (IAX). O texto esixe que os usos dos libros e outras publicacións con dereitos de autoría e protexidas pola Lei de Propiedade Intelectual, tanto se son para probas como para a explotación comercial da IAX, se rexan polos principios de autorización, remuneración e transparencia.

A Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores, en defensa dos dereitos de autoría, da remuneración polo uso das nosas obras e da transparencia perante a implantación da Intelixencia Artificial Xenerativa (IAX) por parte de empresas e Gobernos.
A Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores, que integran 15 organizacións autorais e case 10.000 creadoras/es literarias/os (escritoras/es e tradutoras/es), quere trasladar á opinión pública, aos partidos políticos e aos gobernos locais, autonómicos e estatal, a profunda preocupación do colectivo pola alarmante falta de recoñecemento do valor esencial (moral e xurídico) dos dereitos de autoría e dunha remuneración acaída pola utilización das nosas obras nos máis diversos ámbitos da sociedade, de xeito moi especial nun mundo dixital altamente globalizado e cunha moi precaria lexislación na materia.
A experiencia histórica demóstranos que a dixitalización incontrolada baseada no uso non autorizado nin comunicado das nosas obras causou un grave prexuízo á creación e á innovación, acentuando deste xeito a desvantaxe competitiva que padecemos con respecto ás nosas e nosos colegas da maioría dos países europeos.
Hai que salientar que as obras de escritoras/es e tradutoras/es non son simples datos susceptíbeis de se converteren en algoritmos, son a base da nosa democracia, da nosa cultura, do noso coñecemento e ciencia, e deben ser tratados, valorados e remunerados como tales. Un/ha escritor/a ou tradutor/a inviste anos estudando, analizando e consultando centos de fontes para poder escribir ou traducir unha obra, un labor que hoxe en día non é recoñecido nin é remunerado.
A modo de exemplo, o último informe da Organización Mundial da Propiedade Intelectual (OMPI) sobre a remuneración polo préstamo dos nosos libros nas bibliotecas destaca que o Estado español é, xunto con Xeorxia, onde menos se remuneran escritoras/es e tradutoras/es por este uso das nosas obras.
A esta situación temos que engadir unha realidade omnipresente: a implantación da Intelixencia Artificial Xenerativa (IAX) e a necesidade, por parte das grandes plataformas e desenvolvedores, de usar unha ilimitada cantidade de obras, como os libros, os artigos publicados en diferentes medios e, en xeral, todos os materiais derivados da actividade profesional das/os creadoras/es literarias/os, foren escritoras/es, tradutoras/es ou dramaturgas/os.
O Goberno de España, tal e como declarou no seu momento o seu presidente, traballa nun modelo estatal de linguaxe de Intelixencia Artificial testado nas linguas oficiais do Estado. É unha iniciativa de carácter público que utilizará obras literarias e xornalísticas e, por tanto, estará suxeita ás obrigas derivadas da Lei de Propiedade Intelectual e de toda a lexislación relacionada de ámbito europeo, así como doutros marcos legais aplicábeis.
Nos últimos anos, o desenvolvemento do IAX está a sentar as bases dunha nova forma de explotación das nosas creacións que afecta ao contrato social do conxunto da cidadanía, utilizando métodos e prácticas non suxeitas a ningún principio salvo o beneficio económico, nalgúns casos próximas ao saqueo masivo de contidos suxeitos á lexislación antes mencionada, cuxo uso e efectos no futuro non só ignoramos as/os autoras/es, senón todos nós.
Por iso, exiximos que todos os sectores asuman a necesidade imprescindíbel dun firme compromiso de salvagardar os nosos intereses como creadoras/es e respectar o produto do noso traballo, base fundamental do tecido cultural e da industria que o sustenta e da Lei de IA da Unión Europea, primeira normativa supraestatal que, aínda que xeito insuficiente por agora, comezou a contemplalo.
Esta esixencia non só vai dirixida ao sector privado e aos grandes operadores e desenvolvedores que actúan no espazo global de internet, mais tamén, e dun xeito moi especial, ao sector público, para asegurar que o uso de obras literarias e xornalísticas, tanto para as probas da IAX como para a explotación posterior, se basee nas recomendacións feitas públicas polo Consello Europeo de Escritoras/es (EWC) o pasado 27 de xullo, entre as que destacamos as esenciais: AUTORIZACIÓN polas/os autoras/es destes usos, REMUNERACIÓN xusta e non simbólica e TRANSPARENCIA do proceso.
Unha sociedade crítica e democrática non avala a expropiación dos dereitos do colectivo a favor de grandes multinacionais que non tributan no Estado, nin o estabelecemento de sistemas opacos que non informan sobre os usos das obras ás persoas titulares e impiden calquera tipo de negociación de boa fe. E, evidentemente, recoñece o valor das súas creadoras e creadores, proporciónalles os recursos necesarios para se desenvolveren e protexe os seus dereitos. É por iso que solicitamos ás empresas, institucións e ao Goberno que:

1. Respecten, protexan e valoren os dereitos de autoría de escritoras/es e tradutoras/es como resultado do heroico traballo de escribir hoxe en día.
2. Recoñezan dunha vez unha remuneración acaída polos nosos dereitos de acordo co seu valor e o esforzo que investimos en xeralos.
3. Teñan en consideración as dez recomendacións que, en relación cos usos das obras literarias pola IAX, o Consello Europeo de Escritoras/es aprobou e trasladou ao Parlamento Europeo.

Aprobado o 30 de setembro de 2024.

Quen fai parte da Conferencia?
Asociación Aragonesa de Escritores (AAE), Asociación Colegial de Escritores de España (ACE), Associació Col·legial d’Escriptors de Catalunya (ACEC), Asociación de Escritores y Escritoras de Asturias (AEA), Asociación de Escritores de Castilla La Mancha (AECLM), Asociación de Escritores de Euskadi – Euskadiko Idazleen Elkartea (AEE-EIE), Asociación de Escritores y Escritoras de Extremadura (AEEX), Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC), Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Navarra de Escritores/as – Nafar Idazleen Elkartea (ANE-NIE), Asociación Riojana de Escritores (ARE), Asociación Valenciana de Escritores y Críticos Literarios (CLAVE), Euskal Idazleen Elkartea (EIE), Nueva Asociación Canaria de Escritores (NACE) e Sociedad Cántabra de Escritores (SCE).”