“O 12 de xaneiro, ás 20:00 horas, na A. C. Alexandre Bóveda da Coruña (Rúa Santo André, 36, 1º), terá lugar a presentación de O rumor do distante, de Cesáreo Sánchez Iglesias, publicado por Laiovento. O autor estará acompañado no acto por Estíbaliz Espinosa.
As humildes trazas dos camiños, comunicando a montaña e o mar, ao longo da historia da Galiza, vertebraron a cultura de noso e a xeografía de parte de Europa. Trouxeron a camiñantes coa súa cultura e a súa visión do mundo e levaron de retorno á súa terra a ollada marabillada polas imaxes do sagrado, dunha terra e dun pobo cunha cultura milenaria.
Este longo poema que percorre os sete camiños (6+1) foi escrito paralelamente aos traballos do autor na protección do patrimonio cultural galego. Coa delimitación das súas trazas, o poeta inicia a súa escrita, constatando que somos un dos pobos que máis humanizou a natureza, nun titánico traballo de séculos, sedimentando o ser que nos constitúe, dando nomes a lugares que significan e son o noso ADN, e que neste poemario, que obtivo o XX Premio Esquío de Poesía en Lingua Galega, foron habitados da poesía.
Ao ollar cara atrás vemos os camiños submersos na banalización do seu significado cultural. Hoxe, ollamos como a nosa terra segue a se desangrar nunha silente extenuación que destrúe o noso patrimonio cultural. Se permitimos a deshumanización da nosa terra desaparecerá aquilo que anainou a nosa identidade. Este proceso invisible de aculturación, alén do espolio económico, fainos parte dun proceso de destrución do patrimonio natural, con minas que arrincan a dourada entraña, envelenando as augas até nos converter nunha estéril terra morta.
Cesáreo Sánchez Iglesias (Dadín-Irixo, 1951) é autor dunha ampla obra, principiada en 1978 con Silencios e conversas de inverno. Estudou Arquitectura Técnica e Socioloxía e Ciencias Políticas en Madrid e foi un dos fundadores da Agrupación Cultural Lóstrego, que presidiu. Continuou a manter unha posición dinámica dentro da creación do movemento asociativo cultural durante a transición. Foi presidente da A. C. Alexandre Bóveda e director de Edicións A Nosa Terra. Desde 2005 é o presidente da AELG.”