
Desde Nós Diario:
“O servizo de comunicación do Celta de Vigo, a profesora e investigadora Aurora Marco e o político e intelectual Xosé Manuel Beiras son os recoñecidos este ano polos Premios Lois Peña Novo, que entrega a fundación homónima e que en 2026 alcanzan a súa XXX edición.
Os Premios Lois Peña Novo creáronse en 1995 co obxectivo de premiar e recoñecer o labor de persoas, entidades ou empresas que traballan a prol da normalización da lingua galega.
O xurado galardoa o servizo de comunicación do Celta polo seu “traballo sostido desde o ano 2013 na incorporación da lingua galega nun ámbito de enorme repercusión social como é o fútbol profesional, contribuíndo á normalización lingüística e levando o noso idioma a espazos de máxima visibilidade”.
O xurado, neste sentido, valora o uso do galego na comunicación corporativa, nos encontros deportivos, nas ferramentas dixitais, na aplicación oficial, nas redes sociais e na relación coa afección, “moi especialmente entre a mocidade, as familias e a comunidade dixital, salientando a súa capacidade para asociar o galego á emoción deportiva, á pertenza e á modernidade, facendo do idioma unha parte esencial da identidade celeste a través de símbolos compartidos como o himno Oliveira dos Cen Anos, convertido nunha expresión de orgullo colectivo”.
No que respecta a Aurora Marco López, profesora universitaria, investigadora e escritora galega recoñecida polo seu amplo labor no estudo da literatura e da historia cultural da Galiza, o recoñecemento vén “pola súa contribución decisiva a facer visíbeis figuras femininas esquecidas ou marxinadas pola historia oficial e polo compromiso constante coa lingua galega como ferramenta de investigación, divulgación e pensamento crítico”.
O xurado valora unha obra sólida e continuada, con títulos fundamentais como Dicionario de mulleres galegas, Mulleres na guerrilla antifranquista galega, Elas ou Irmandiñas, “que rescataron nomes, vidas e traxectorias imprescindíbeis para comprender a historia do país salientando a unión entre lingua, memoria e xustiza histórica, ampliando o imaxinario colectivo da Galiza e ofrecendo ás novas xeracións referentes femininos, culturais e cívicos expresados desde o galego”.
Por último, Xosé Manuel Beiras é premiado “pola súa longa, coherente e exemplar traxectoria a prol da dignificación da galiza ao longo de máis de seis décadas”. A través da súa obra, do seu labor docente, da súa presenza institucional e da súa intervención constante no debate público, explica o xurado, contribuíu a facer da nosa lingua unha ferramenta de pensamento, ciencia económica, reflexión política e compromiso social”. O xurado valora especialmente a súa participación en proxectos como a Revista de Economía de Galicia e a súa extensa obra publicada, nomeadamente O atraso económico de Galicia, “referencia esencial para a análise crítica e a interpretación da realidade do país”.
A súa personalidade e o seu compromiso” fixeron que moitas persoas, ao longo de varias xeracións, asumisen a galeguidade como unha forma de vida, de pensamento e de dignidade colectiva”.”