Os Premios Lois Peña Novo recaen en Aurora Marco, Xosé Manuel Beiras e o Celta

Desde Nós Diario:
“O servizo de comunicación do Celta de Vigo, a profesora e investigadora Aurora Marco e o político e intelectual Xosé Manuel Beiras son os recoñecidos este ano polos Premios Lois Peña Novo, que entrega a fundación homónima e que en 2026 alcanzan a súa XXX edición.
Os Premios Lois Peña Novo creáronse en 1995 co obxectivo de premiar e recoñecer o labor de persoas, entidades ou empresas que traballan a prol da normalización da lingua galega.
O xurado galardoa o servizo de comunicación do Celta polo seu “traballo sostido desde o ano 2013 na incorporación da lingua galega nun ámbito de enorme repercusión social como é o fútbol profesional, contribuíndo á normalización lingüística e levando o noso idioma a espazos de máxima visibilidade”.
O xurado, neste sentido, valora o uso do galego na comunicación corporativa, nos encontros deportivos, nas ferramentas dixitais, na aplicación oficial, nas redes sociais e na relación coa afección, “moi especialmente entre a mocidade, as familias e a comunidade dixital, salientando a súa capacidade para asociar o galego á emoción deportiva, á pertenza e á modernidade, facendo do idioma unha parte esencial da identidade celeste a través de símbolos compartidos como o himno Oliveira dos Cen Anos, convertido nunha expresión de orgullo colectivo”.
No que respecta a Aurora Marco López, profesora universitaria, investigadora e escritora galega recoñecida polo seu amplo labor no estudo da literatura e da historia cultural da Galiza, o recoñecemento vén “pola súa contribución decisiva a facer visíbeis figuras femininas esquecidas ou marxinadas pola historia oficial e polo compromiso constante coa lingua galega como ferramenta de investigación, divulgación e pensamento crítico”.
O xurado valora unha obra sólida e continuada, con títulos fundamentais como Dicionario de mulleres galegas, Mulleres na guerrilla antifranquista galega, Elas ou Irmandiñas, “que rescataron nomes, vidas e traxectorias imprescindíbeis para comprender a historia do país salientando a unión entre lingua, memoria e xustiza histórica, ampliando o imaxinario colectivo da Galiza e ofrecendo ás novas xeracións referentes femininos, culturais e cívicos expresados desde o galego”.
Por último, Xosé Manuel Beiras é premiado “pola súa longa, coherente e exemplar traxectoria a prol da dignificación da galiza ao longo de máis de seis décadas”. A través da súa obra, do seu labor docente, da súa presenza institucional e da súa intervención constante no debate público, explica o xurado, contribuíu a facer da nosa lingua unha ferramenta de pensamento, ciencia económica, reflexión política e compromiso social”. O xurado valora especialmente a súa participación en proxectos como a Revista de Economía de Galicia e a súa extensa obra publicada, nomeadamente O atraso económico de Galicia, “referencia esencial para a análise crítica e a interpretación da realidade do país”.
A súa personalidade e o seu compromiso” fixeron que moitas persoas, ao longo de varias xeracións, asumisen a galeguidade como unha forma de vida, de pensamento e de dignidade colectiva”.”

Os Premios da Cultura Galega 2024 recaen en Manuel Lourenzo, Xosé María Pérez Barro, Marta Pazos, Joaquín Martínez, Ficción Producións, Julia Díaz, Xosé Manuel González e o Real Club Celta de Vigo

Desde a Xunta de Galicia:
“O xurado dos Premios da Cultura Galega 2024 reuniuse en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.
Ao remate da mesma, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas:
– Letras. Manuel Lourenzo.
– Artes Visuais. Xosé María Pérez Barro.
– Artes Escénicas. Marta Pazos.
– Música. Joaquín Martínez.
– Audiovisual. Ficción Producións.
– Lingua. Julia Díaz.
– Patrimonio Cultural. Xosé Manuel González.
– Proxección exterior. Real Club Celta de Vigo.
Do xurado tamén formaron parte o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a directora xeral de Igualdade, María Quintiana; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; Henrique Monteagudo, académico numerario, en representación da Real Academia Galega; Xosé Manuel Núñez Seixas, vicepresidente do Consello da Cultura Galega; Maximino Zumalave, académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes; así como profesionais de recoñecido prestixio, como Kirenia Martínez Acosta, xestora cultural, bailarina e coreógrafa; Lucía Carballeda Suárez, historiadora da arte e galerista; e Anxo Angueira Viturro, presidente da Fundación Rosalía de Castro.”