Entrevista de Raúl Salgueiro a Farruco Graña en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): O libro é unha travesía onde recompila varios anos de traballo. Que une realmente todos os relatos?
– Farruco Graña (FG): O que une todos os textos é a idea da viaxe e dese navegar, tanto de forma literal como metafórica, entendido como un percorrido pola vida e polas emocións. A través de diferentes personaxes percorro paisaxes do Courel, de Carballo, de Ribadeo ou da comarca eonaviega, sempre acompañado por autores de referencia como Uxío Novoneyra, Manuel María ou Suso Peña. A través deles vou construíndo personaxes que evocan biografías imaxinadas e falan da súa relación con eses autores e coa súa terra. Todos compartían unha forte conexión coa terra e a necesidade de valorar o propio.
No libro conviven textos escritos en momentos moi distintos. Hai relatos de hai cinco anos, outros recentes e tamén escritos de hai quince ou vinte anos que quedaran gardados nun caixón. Ao xuntalos decateime de que todos compartían un mesmo universo. As ilustracións de Mon Lendoiro tamén acompañan o libro. Foi el quen me fixo a proposta. O que pensaba que sería só unha portada acabou converténdose nunha ilustración para cada relato, algo moi especial para min porque soubo entender perfectamente o meu universo literario.
– ND: Hai algunha historia do libro que lembre con agarimo?
– FG: Todos os relatos teñen certa importancia emocional para min. Pero Eu voun navegar ten un significado especial. A historia naceu das conversas cun amigo do Courel que xa non está connosco e que acabou sendo mariñeiro e percorrendo medio mundo. A idea dun rapaz do Courel soñando co mar ofrecíame moitas posibilidades literarias, especialmente collendo a figura de Uxío Novoneyra. Ao final, todo nace da paciencia, de escribir pouco a pouco e do pracer de combinar o que outros contaron, tanto desde a literatura como desde a experiencia vivida. (…)”