Entrevista a Mario Regueira en Xornal de Galicia:
“- Xornal (X): Por que perseguir [Lois Pereiro. Unha persecución] o poeta?
– Mario Regueira (MR): Para procurar esa figura de Lois Pereiro que ten algo de fantasmal e intentar atrapala dende perspectivas que non son as habituais. Vinme á hora de facer este libro nun dobre papel: o de quen ten feito algo de crítica e o de autor literario que atopa en Pereiro unha referencia. (…)
– X: Ocúpase da proposta “ética” –e non “política”– de Lois Pereiro, que interpreta ademais en clave posmoderna.
– MR: Se cadra porque as súas alusións políticas son en moitos casos contraditorias cando as lemos en sentido literal. Creo que as usa como exemplos de resistencia.
– X: En que consiste esa proposta “ética”?
– MR: Baséase en que xa que non podemos cambiar o mundo, xa que nos vemos impotentes, intentemos non empeoralo e intentemos mellorar a nosa sensibilidade artística para que sirva como barreira contra a barbarie. É unha proposta que segue a ser válida hoxe en día, e ten que ver co Indignádevos! de Hessel e con moitos dos movementos cidadáns que estamos a ver hoxe en día. (…)
– X: Daquela son súas as críticas de Lois Pereiro ao Día das Letras Galegas e a todos os libros, incluído este, que se editaron?
– MR: Parcialmente. O Día das Letras foi sobre todo unha oportunidade, e como tal creo que se aproveitou nuns casos e se desaproveitou noutros. É moi difícil xulgalo mentres está a pasar. Verémolo con máis claridade dentro duns anos. Con todo, foi un deses acertos que non acostuma a ter a Academia. O que pasa é que cando xeras un movemento de masas todo queda en mans da sociedade e a sociedade fai cousas que a min me poden gustar e outras, como as bolsas do Gadis e un par delas máis, coas que eu creo que Lois non estaría de acordo. En todo caso, ninguén pode falar no nome dos mortos.”