A Coruña: actividades do sábado 6 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas previstas para o sábado 6 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, que se desenvolve nos Xardíns de Méndez Núñez até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

12:00 h. Feira infantil. Como nace un personaxe. Obradoiro de ilustración realizado por Xosé Tomás. Actividade realizada coa colaboración de Gálix.
18:30 h. Presentación de O señor Don Nicanor, texto de Ana Fernández-Abascal, ilustrado por Flavio Morais e publicado no selo Faktoría K, coa participación da autora e un representante da editorial.
19:00 h. A pintora e ilustradora Isabel Pintado asina exemplares dos libros de poesía para nenos Parece unha rosa, de Rosalía de Castro e Cantiga do Mazarico, de Emilio Pita, ambos publicados por Edicións Espiral Maior na colección Lúa Lueira.
20:00 h. O escritor Mario Regueira asinará exemplares do seu libro Lois Pereiro. Unha persecución, publicado por 2.0 Editora, na colección Folcsonomías.

Mario Regueira: “Habería que resucitar a Lois para ver que lle parece todo isto”

Entrevista a Mario Regueira en Xornal de Galicia:
“- Xornal (X): Por que perseguir [Lois Pereiro. Unha persecución] o poeta?
– Mario Regueira (MR): Para procurar esa figura de Lois Pereiro que ten algo de fantasmal e intentar atrapala dende perspectivas que non son as habituais. Vinme á hora de facer este libro nun dobre papel: o de quen ten feito algo de crítica e o de autor literario que atopa en Pereiro unha referencia. (…)
– X: Ocúpase da proposta “ética” –e non “política”– de Lois Pereiro, que interpreta ademais en clave posmoderna.
– MR: Se cadra porque as súas alusións políticas son en moitos casos contraditorias cando as lemos en sentido literal. Creo que as usa como exemplos de resistencia.
– X: En que consiste esa proposta “ética”?
– MR: Baséase en que xa que non podemos cambiar o mundo, xa que nos vemos impotentes, intentemos non empeoralo e intentemos mellorar a nosa sensibilidade artística para que sirva como barreira contra a barbarie. É unha proposta que segue a ser válida hoxe en día, e ten que ver co Indignádevos! de Hessel e con moitos dos movementos cidadáns que estamos a ver hoxe en día. (…)
– X: Daquela son súas as críticas de Lois Pereiro ao Día das Letras Galegas e a todos os libros, incluído este, que se editaron?
– MR: Parcialmente. O Día das Letras foi sobre todo unha oportunidade, e como tal creo que se aproveitou nuns casos e se desaproveitou noutros. É moi difícil xulgalo mentres está a pasar. Verémolo con máis claridade dentro duns anos. Con todo, foi un deses acertos que non acostuma a ter a Academia. O que pasa é que cando xeras un movemento de masas todo queda en mans da sociedade e a sociedade fai cousas que a min me poden gustar e outras, como as bolsas do Gadis e un par delas máis, coas que eu creo que Lois non estaría de acordo. En todo caso, ninguén pode falar no nome dos mortos.”

A Coruña: presentación de Lois Pereiro. Unha persecución e recital poético e musical

O xoves 23 de xuño, a partir das 22:00 horas, no Bar Patachim (Beiramar, 16) da Coruña, terá lugar a presentación do libro Lois Pereiro. Unha persecución, de Mario Regueira, publicado en 2.0 Editora. Tamén participarán as integrantes máis guapas das Ataque Escampe, David Pobra cunha performance loisista, Arsenio Iglesias Pazos e Haizea Barzenilla cun recital de poemas de Lois traducidos ao euskera, Fayez Khalaf recitando Contra a morte en árabe, e Andrea Nunes Brións, quen iniciará o recital aberto á participación espontánea do público.

Santiago: presentación de Lois Pereiro. Unha persecución, de Mario Regueira

O xoves 16 de xuño, ás 19:00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Lois Pereiro. Unha persecución, de Mario Regueira, publicado en 2.0 Editora. No acto intervirán, acompañando ao autor, Paco Macías e Txiki Calvo.