Crónica do Galeusca 2011 en Criticalia, o blog de Armando Requeixo:
“Un ano máis —e xa van alá case trinta— a Federación Galeusca celebrou a súa xuntanza reunindo autores e autoras da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, a Euskal Idazleen Elkartea e mais a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Desta volta, o tema sobre o que se debateu durante dous días (30 de setembro e 1 de outubro) foi A tradución literaria: profesión e creación, o que explica que estas xornadas, celebradas en Barcelona, transcorresen coincidindo no tempo co Día Internacional da Tradución.
Por parte da delegación galega asistiron ao evento o presidente da AELG, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias; a secretaria da asociación, a ensaísta Mercedes Queixas Zas; a profesora e tradutora Manuela Palacios e quen isto escribe.
No Ateneu Barcelonès —emblemático espazo que acolleu as sesións de traballo—, tiven a honra de debater co escritor e editor vasco Xabier Mendiguren e mais o xurista e asesor editorial Mario Sepúlveda sobre A repercusión da edición dixital na práctica e os dereitos do tradutor, mesa redonda na que se puxeron en común interesantes cuestións que afectan aos contratos entre tradutores e editoras aplicados ao ámbito dixital.
Pola súa banda, Manuela Palacios, recoñecida tradutora ao galego de textos ingleses e gaélicos, participou no acto Lectura de fragmentos literarios na lingua orixinal e a tradución á lingua de chegada cun recitado de poemas de Ana Romaní e María Lado, que leu tanto en galego como en inglés. Xunto á tradutora galega interviñeron tamén o escritor vasco Fito Rodríguez (que transvasou a Proust do francés ao éuscaro) e mais os cataláns Feliu Formosa (quen deu voz a Rilke e Trakl en catalán e alemán), Montserrat Abelló (que visitou en catalán e inglés a Sylvia Plath, Margaret Atwood e Anne Sexton) e Manuel Forcano (quen achegou dende o hebreo ao catalán a Iehuda Amikhai).
A mesma Manuela Palacios, xunto á narradora catalá Carme Riera e o poeta vasco Nicolás Zimarro, debateron na mesa redonda Autotradución e tradución entre as nosas linguas e o castelán como lingua de mediación (ou non), faladoiro no que a tradutora galega deu a coñecer a súa experiencia como coordinadora do volume To The Wind Our Sails, antoloxía bilingüe galego-inglesa dos versos de Luz Pozo, María do Carme Kruckenberg, Xohana Torres, Marilar Aleixandre, Luz Pichel, Chus Pato, Ana Romaní, María do Cebreiro, María Lado e Xiana Arias.
Logo da preceptiva Asemblea Xeral da Federación Galeusca e a lectura da acta coas conclusións das xornadas, deuse remate ás mesmas, deixando así atrás dous días de vizosos parladoiros nos que os compoñentes das tres delegacións tivemos tempo para pór en común experiencias e pareceres sobre moi diversos temas de natureza literaria que nos preocupan por igual.
Agora, máis que nunca, encontros como este da Federación Galeusca abren esperanzadoras perspectivas para as letras de noso, fannos saber que as nosas inquedanzas son compartidas por outras literaturas irmás e convéncenos de que a loita a prol da causa da escrita propia non é unha angueira solitaria.”