Entrevista a Pegerto Saavedra en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Como definiría a relación entre lingua e historia?
– Pegerto Saavedra (PS): Desde a fundación da Academia foi habitual que os historiadores formasen parte dela, e eu fun elixido precisamente para ocupar a vacante producida polo falecemento do xeógrafo e historiador Francisco Río Barja, de quen tiven ocasión de aprender moitas cousas. No tocante ás relacións entre lingua e historia, hai que dicir que son disciplinas que teñen que camiñar xuntas (lingua e historia son atributos dos humanos) e máis no caso de Galicia: a historia explica o nacemento e traxectoria da lingua desde o século XIII ata hoxe, e ao mesmo tempo a lingua, escrita e falada, constitúe un capítulo fundamental da nosa historia.
– LVG: ¿Como encara o seu traballo como académico?
– PS: Eu son un historiador dedicado ao estudo dos séculos XVI-XIX. A Academia ten unha sección de Historia e conta xa con historiadores (os profesores Xosé Ramón Barreiro e Ramón Villares) aos que considero mestres, porque verdadeiramente o son. Eu tratarei de facer aquelas tarefas que se me encomenden no ámbito da miña especialidade, como poden ser investigacións sobre a onomástica, sobre o uso do galego e en xeral sobre os diversos problemas que presenta a cultura galega nos “séculos escuros”. E por suposto, apoiarei, na medida das miñas posibilidades, á Academia no cumprimento de todas as súas finalidades, pois o galego, e polo tanto a nosa cultura, atravesa unha situación moi difícil e que aínda pode ir a peor. Todo o que se faga é pouco. (…)”