“A Asociación Cultural Barbantia xa se prepara para a súa gran festa anual, que este ano vai ter lugar en Noia e contará con tres protagonistas de excepción: os galardoados cos Sereos, os premios instituídos pola asociación que acadan este ano a quinta edición. Na Traxectoria Cultural no Barbanza, a galardoada é a pintora Paola García Paz; a Iniciativa Cultural no Barbanza é para a publicación do IES Virxe do Mar de Noia, Casa da Gramática; e a distinción á Cultura Galega vai para a poeta Eva Veiga. A entrega das figuras de Sargadelos que substitúen ás de bronce que se viñeron dando ata o ano pasado, vai ser o acto máis solemne da cita fixada na Casa de Cultura Avilés de Taramancos da histórica vila de Noia, pero vai haber outros que xa son fixos na programación da principal entidade cultural da zona. Trátase, por exemplo, da presentación no Anuario de Estudos do Barbanza 2011, publicación na que se recompilan colaboracións de creadores barbanceses, un resumo dos actos que se desenvolveron ao longo dos doce meses baixo e epígrafe de Barbantia, a relación dos libros editados na comarca e outras achegas, do que falará Manuel Cartea, o coordinador da publicación. A designación dos premios Sereos fíxose por medio dunha votación entre os socios de Barbantia. O período para presentar as propostas rematou o pasado venres e o escrutinio foi feito polo presidente da asociación, Xesús Laíño; o directivo Antón Riveiro Coello e o coordinador da organización, Alberto Piñeiro.” Vía La Voz de Galicia.