Artigo de Camilo Franco en La Voz de Galicia:
“A Real Academia Galega está a punto de pechar o libro Lois Pereiro para abrir o libro Valentín Paz Andrade. A institución clausurou onte o congreso sobre o poeta case como punto final a un ano que distintas voces sinalaron como diferente no histórico das celebracións do Día das Letras Galegas. O presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, apuntou ao finalizar o congreso que a institución «escolle ben aos homenaxeados, pode haber autores menos divertidos, pero todos son importantes e todos os anos non podemos ter un Lois Pereiro».
Para o presidente da RAG o congreso finalizado onte culminou un ano intenso arredor do poeta e no que se demostrou que a academia «pensa ben». Ferrín explicou que dedicarlle o día «a Lois Pereiro non era ningún risco, risco foi cando llo dedicamos a María Mariño». Admitiu que este ano foi distinto «como é cada ano» engadindo que os autores poden gustar máis ou menos, pero a academia «é un tanque de pensamento dos mellores do país». Puxo de exemplo a importancia de Valentín Paz Andrade con que, explicou, «imos poder repasar case todo o século XX en Galicia e creo que é un asunto moi importante aínda que pareza menos divertido».
Na valoración do Congreso, o presidente apuntou dúas características fundamentais. «A participación maioritaria no mesmo foron poetas, co que temos a interpretación da poesía desde dentro e por tamén tivemos a ollada externa que nos deu Gimferrer e que colocou a Pereiro como un dos grandes de Europa».
Para o escritor Manuel Rivas o congreso e as celebracións de Lois Pereiro demostraron que era un poeta que ligaba «o individual e o colectivo, unha ponte entre o eu e o nós» e este carácter da poesía de Pereiro «escenificouse dunha maneira na que as celebracións non foron un culto á personalidade, senón un campo fértil e moi creativo e participativo».”