Un gran acto cívico lembrará os 50 anos do Día das Letras Galegas

Artigo en La Voz de Galicia:
“A Real Academia Galega xa ten perfilado o acto co cal vai conmemorar os 50 anos da celebración do Día das Letras Galegas. Será a finais deste ano na Coruña, na praza de María Pita, e o obxectivo é que teña unha ampla representación institucional, pero tamén social. O presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, adiantou onte en Santiago as liñas nas que traballa a institución, logo de compartir unha longa conversa de máis dunha hora en San Caetano co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, na que tamén estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, e o secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos. «Había moito que falar coa Xunta, pero estamos contentos coa súa implicación», dixo Méndez Ferrín, quen recoñeceu que aínda queda moita programación por pechar e que a Real Academia precisará da axuda das institucións para preparar un acto no que queren que haxa presenza dos alcaldes das cidades e vilas que contaron cun homenaxeado nalgún 17 de maio do último medio século. Tamén queren encher María Pita con estudantes de colexios deses mesmos municipios. Con certa ironía, o presidente da RAG referiuse á necesidade de «cofinanciación». «Porque nós somos unha entidade pobre», apuntou. Con todo, non marchou coas mans baleiras do despacho do presidente da Xunta. No encontro, Feijoo confirmou o compromiso da Xunta para a organización das actividades especiais e avanzoulles aos académicos o programa no que traballa a Administración autonómica para as Letras Galegas. O Goberno acompañará ao plenario da RAG no acto institucional do 17 de maio en Vigo, dedicado a Valentín Paz-Andrade, e tamén impulsará diversas actuacións de dinamización social, como o apoio á web oficial sobre o homenaxeado, promovida por Industrias Pesqueras. Tamén haberá unha difusión especial de poemas sobre o escritor a través da televisión en formato de minipezas audiovisuais e con accións de rúa de música e poesía. (…)”