Reliquias e paixóns de Agustín Fernández Paz: os seus pasos, por Santiago Jaureguizar

Desde Xerais:
El Progreso e Diario de Pontevedra publicaron unha reportaxe de Jaureguizar sobre Agustín Fernández Paz seguindo as pegadas de O rastro que deixamos:
A mocidade en Vilalba non se mide por anos, senón por muíños. O río Madanela rodea a vila nunha aperta que nunca dá pechado, polo que os veciños aproveitaron para ubicar muíños: Os Novos, Os Pasos, O Rañego e Os Freires. Os nenos aproveitaban o lecer do verán para bañárense nos Novos. Logo de cambiarlles a voz, obtiñan o permiso dos maiores para frecuentar Os Freires nas tardes de calor.
Agustín Fernández Paz aprendeu a nadar no río, algo que prepara para a vida, porque se consegues manterte a frote sen axuda do sal mariño tes avanzado grandes pasos na madureza. (…)
Autor de máis de cento e medio de novelas e ensaios comenta divertido que «ás veces» todos estaban na casa lendo, «os pais e os tres fillos». Especialmente lector era o proxenitor de Agustín Fernández Paz, quen «chegaba da carpintería e collía o libro, de xeito que sentaba con el na mesa tendo que escoitar a rifa da miña nai». Tan feroz era a súa paixón pola letra impresa que Fernández Paz aínda conserva «un exemplar de Cien años de soledad con manchas de sangue», porque o pai estaba lendo «no momento que morreu de leucemia». (…)
Dende hai décadas, Agustín Fernández Paz organiza a súa sesión de cinema na casa de Vigo para as dez da noite. Ese rito correspóndese cunha paixón prendeu nel na infancia, cando empezou a frecuentar as salas da Vilalba natal e quedou fascinado pola sétima arte. Paseando agora pola vila, párase diante dun edificio con grandes cartelóns, coma aqueles que anunciaban as grandes producións do cinema clásico, aínda que agora soamente se laie: «É ridículo mirar este cine», asegura ollando un edificio de nova fábrica e de varios andares no que se convida a facerse coas últimas ofertas e oportunidades en pisos. O escritor explica que alí estaba o Cine Vilalbés. (…)”.