Desde Praza, Sermos Galiza e El País:
“Xosé Luís Méndez Ferrín presentou a súa dimisión como presidente da Real Academia Galega. Este domingo remitiu unha carta na que informaba da súa renuncia, que se formalizará no próximo plenario da institución, que se convocará en breve. O escritor tamén renunciará á súa condición de membro numerario da RAG. No texto agradece a todos os membros da Executiva ao Secretario e “á maioría dos académicos e académicas polo seu labor ilusionado, a súa lealdade institucional e cooperación eficiente”. Porén, explica que algúns “académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia”. Méndez Ferrín pecha a súa carta de renuncia cun “Viva e floreza a Academia Galega! Viva Galicia ceibe!”.
Este luns o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, denunciou nunha entrevista en La Voz de Galicia un intento de “colonización” da institución por parte do ILG e do Consello da Cultura. E a Mesa pola Normalización Lingüística pediu “explicacións” por supostas “presións” para que a RAG “non presentase o recurso en defensa do galego no ensino”. Na entrevista Axeitos denunciaba “a colonización que unha institución, axudada por algunha outra afín, está facendo da Academia. Esa é a causa de certas críticas á actual directiva”.
Referíase ao ILG e ao Consello da Cultura Galega e engadía que “segundo di Política Lingüística, queren unha solución pactada e buscan que a Academia tamén se sume a ese pacto e retire o recurso, pero a Academia non está en venda”. A respecto destas declaracións o comunicado da Mesa esixía que ILG e Consello desen “explicacións urxentes” e que “se hai xente nesas institucións máis interesada en facerlle a pelota a Núñez Feijóo que en defender o galego, o que deberían facer é dimitir canto antes, porque están a prexudicar tanto a esas institucións como ao conxunto da cultura galega. A corrupción ética tamén é reprobábel”. (…)”