A mar de historias

Do blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Un ano máis Antonio Reigosa e mais Isidro Novo, dende as vogalías por Lugo e pola Literatura de Tradición Oral da AELG, coordinan a publicación das Actas das Xornadas de Literatura de Tradición Oral que cada outono teñen lugar nos locais do Museo Provincial de Lugo.
O volume deste ano é o sexto dunha serie monográfica que ten acubillo como publicación da revista oficial da asociación, Escrita Contemporánea, que a dá á luz baixo o título Actas da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral. Historias, mitos e monstros do mar de Galicia.
Como o propio rótulo anuncia, esta obra colectiva reúne as intervencións que a primeiros do pasado novembro impartiron na cidade amurallada o estudoso Xosé Lois Vilar Pedreira, o novelista Hixinio Puentes, o músico e narrador Xurxo Souto e mais a investigadora Rosa García-Orellán. Os catro compartiron tamén mesas redondas nas que as intervencións do público asistente, moi activo, se recolleron e transcribiron tamén nesta publicación, que ten por cabo un anexo no que se transcriben os poemas que, enlazando coa temática da xuntanza, recitou nas xornadas Xosé Iglesias.
Para máis saber sobre os naufraxios míticos e as crebas fantásticas, sobre o noso imaxinario marítimo e os seres imposibles que nos océanos habitan, para mellor comprender a nosa vizosa talasonomia e os relatos mareiros nos que os monstros e creaturas marabillosas todo o inzan, estas Actas da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral son un caladoiro farto no que pescar erudición a redes cheas, beizón que lles hai que apoñer aos infatigables coordinadores do evento, Antonio Reigosa e Isidro Novo, ao apoio cómplice que da AELG reciben para levalo adiante e, sobre todo, ao esforzo da Área de Cultura da Deputación de Lugo, que fai posible co seu patrocinio estas xornadas ás que lles hai que desexar moitos lustros de vida. E nos que os vexamos e os leamos.”