Entrevista de Montse Dopico a Armando Requeixo en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Presentaches hai pouco a túa tese sobre Díaz Castro…
– Armando Requeixo (AR): Si. Levaba xa 20 anos recollendo datos, textos, indo a arquivos particulares, revisando o legado dos herdeiros e escribindo artigos e estudos. O meu primeiro contacto con Díaz Castro fora como lector. Cando eu tiña 16 anos, estando en terceiro de BUP, cadrou que Alfonso Blanco estaba preparando un volume de homenaxe a Díaz Castro. Alfonso debía andar desbordado de traballo e pasoulle parte das probas do libro para revisar a Xosé Antón Miguélez. E Miguélez -outro dos cregos de Irima-, tiña entre os seus fregueses a aquel rapaz fedello e curioso coa lingua e a literatura galegas que era eu, e pensou que era boa idea que eu me adestrase con aquelas probas. Lembro aqueles días lendo aqueles artigos que falaban daquel poeta con devoción. E pensei que que grande ignorancia a miña por non ter lido aquel poeta tan maiúsculo. Lin Nimbos, na súa edición orixinal de 1961, e confirmei que era un poeta con maiúsculas. (…)
– MD: Probablemente non habería Díaz Castro poeta, ou sería ben distinto, se non tivese estudado no Seminario de Mondoñedo. Por que?
– AR: Si. Non se entendería a súa poesía se non se contextualiza o seu nacemento nesa Universidade do norte que foi o Seminario de Mondoñedo, co seu ambiente cultural. Eu non coincido coa lectura que se fixo del como un poeta relixioso, ou do catolicismo triunfal como se ten dito. Eu creo que é un poeta da transcendencia, cunha esencia religacional. Hai nel unha visión relixiosa do mundo desde o tradicional, que é o que herda como galego da chaira. Mais iso procesouno, madureceuno coa súa intelectualidade. Non é un poeta pío. O Seminario deulle tamén o dominio do latín e do grego, a súa base para a aprendizaxe das linguas.
E, claro, alí coincidiu con Aquilio Iglesia, que era como un irmán maior para el. Non se facían sombra entre eles. Foi Aquilino quen o animou a que escribise, a que publicase, a que se pretentase a certames… Aquilino presentoulle a Noriega Varela. En Mondoñedo tamén coñeceu a barbería-ateneo de Manuel Ledo, o ‘Pallarego’, que era o centro da vida cultural oficiosa de Mondoñedo. Por alí pasaron Cunqueiro, Francisco Fernández del Riego… Xosé Díaz Xácome e Aquilino introducen a Díaz Castro no faladoiro daquel barbeiro filántropo. (…)
– MD: Dixeches que era un clásico moderno. Por que?
– AR: Clásico pola súa voz atemporal. Hai outros autores doutros tempos que, se os les hoxe, notas que a súa voz quedou acartonada. Pois con el non pasa isto. Non pasa de moda. Moderno pola súa contemporaneidade, que é fondamente nosa. Non é un ruralista de primeiros de século, aínda que é telúrico. Conseguiu ir á esencia do pobo. (…)”