Entrevista de Carme Vidal a Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Caderno do Nilo evoca, pola viaxe e a descuberta das raíces culturais, o percorrido polos camiños históricos do noso país de O rumor do distante.
– Cesáreo Sánchez Iglesias (CS): Só é posíbel escribir este libro e entrar con nudez e humildade noutra cultura se un percorreu xa a propia, se ten os alicerces fondamente chantados na propia cultura. Só así se abrirá o camiño para ir tamén á propia soidade. Finalmente, é aí onde conduce toda viaxe, ao centro da propia soidade.
– SG: Na viaxe e no libro, atópase coa inmensa cultura e historia que atesoura o Nilo. Esa é a realidade que quixo reflectir nos seus poemas?
– CS: Achegueime, de maneira especial, á natureza humanizada, aos monumentos que volveron ser natureza anónima. As cidades, ao seu xeito, nacen, viven e morren como seres humanos. As marxes do Nilo son un grande patio de viciños e ao mesmo tempo forman parte da sacralidade do territorio. Que o río fose expropiado da súa divindade, que non se lle permita ter crecidas, significa tamén que o propio río volve ser unha natureza derrotada. Por iso permite un diálogo moi humano. Ao tempo, é un ser vivo, con hortas nas súas beiras, no linde do deserto, sen dúbida, o territorio máis fondo de reflexión posíbel. A nosa terra é moi fértil, humanizada, e iso atopámolo nas beiras do Nilo, non no deserto. Alí o concepto de noite e tamén de luz son distintos, producen certo desamparo. No alto Nilo estamos noutro hemisferio, as estrelas xa non son as mesmas que vemos todos os días e o concepto de soidade multiplícase. (…)
– SG: Esa referencia á historia e ás expresións artísticas fan que a súa sexa unha poesía culturalista?
– CS: Os alicerces culturais están aí mais non gosto da erudición na poesía, só as referencias necesarias como elementos de humanización, o arredor cultural do propio poema. Gusto que os libros teñan biografía. Vivín a transformación que a viaxe produciu en Flaubert ou Paul Klee e sentinme atraído polo efecto de oriente, do Nilo na súa obra. Levo décadas buscando a Safo polo Mediterráneo e o Exeo, tentando entender como é posíbel que hai dous mil anos nacera unha poesía que semella recén escrita.
– SG: Por que esa experiencia se transforma en poesía e non noutra fórmula de caderno de viaxes?
– CS: É a miña forma de comunicarme co mundo, unha forma de coñecemento. Pola poesía podes chegar á alma das cousas, ás capas máis fondas do que ves e sentes. Para min é a maneira de entrar no profundo do ser humano. A comunicación que se establece cos que len dáse nun territorio interior.
– SG: Río, memoria, silencio… hai conceptos que na súa poesía son recorrentes.
– CS: A relación do ser humano coa natureza tamén determina a memoria. A miña poesía procura buscar nas capas máis profundas, tamén como a memoria, como forma de ir ao lugar primeiro. Ao meu ver, as poéticas non son únicas, son a suma de poéticas. Na nosa propia realidade, a historia e a memoria teñen moita relevancia, son determinantes para coñecer o que somos.”