Encontros da Federación Galeusca: Barcelona, 2014

O sábado 4 de outubro terá lugar en Barcelona (Ateneu Barcelonès. Canuda, 6), a reunión anual da Federación de Asociacións de Escritores/as (Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e Euskal Idazleen Elkartea), co apoio de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos).
A delegación da AELG estará composta por Cesáreo Sánchez Iglesias, Mercedes Queixas Zas, Ledicia Costas e Suso de Toro; a delegación vasca por Jasone Osoro, presidenta EiE), Maite Toledo e Yolanda Arrieta.

PROGRAMA

11:00 h.
Presentación do estudo realizado polo CoNCA: 36 propostas para a mellora da condición profesional no mundo da cultura, a cargo do bufete de avogados Brun & Guiu: Joan Antoni Borrell Alonso (temas laborais), Lluís Brun Menéndez (temas de contratación e propiedade intelectual) e Josep Guiu Badia (temas fiscais).
Intervención por parte das tres asociacións sobre os temas do estudo (temas do ámbito tributario, laboral, contractual e formativo).

16:00 h.
Presentación do estudo Escribir en catalán: estado da profesionalización. Os efectos da crise económica sobre o colectivo de escritores, a cargo dos sociólogos autores do estudo: Marc Aguilar e Lluís Mangot.
Problemas da profesionalización nas letras vascas e galegas a cargo dun representante de cada asociación.

18:30 h.
Asemblea anual da Federación Galeusca.

19:30 h.
Actuación de Maria del Mar Bonet con Borja Penalba.

As asociacións de escritoras e escritores en catalán, éuscaro e galego formaron a Federación Galeusca o 15 de xuño de 2008, en Poblet, coincidindo co 25 aniversario da reunión anual Galeusca creada para establecer relacións entre os creadores/as de obras literarias na tres linguas minorizadas de España. O obxectivo da súa creación é que as tres asociacións teñan un instrumento legal para a coordinación e a acción conxunta, e tres anos despois, a Federación Galeusca converteuse nunha ferramenta que é esencial para a afirmación da profesión e combater a invisibilidade social dos escritores/as nas tres linguas.

A creación da Federación permitiu establecer cinco obxectivos claros:

1. A representación, a promoción e a defensa dos escritores e escritoras en linguas catalá, galega e vasca.
2. A coordinación das accións en vista a unha maior eficacia na defensa dos dereitos profesionais en todos os seus aspectos.
3. A actuación conxunta ante organismos e institucións da administración pública, tanto no ámbito estatal como autonómico e europeo, e aquelas de carácter privado en calquera destes ámbitos.
4. O impulso da normalización do feito literario nas súas diversas manifestacións, da profesión de escritor e escritora e do uso social e creativo das linguas.
5. O fomento das relacións con outras Federacións ou Asociacións que representen os intereses de escritores e escritoras, así como aquelas que agrupen ás empresas ou axentes que vehiculan a difusión e a comunicación da produción literaria en todos os seus xéneros.