Os Paseos pola Coruña Literaria, iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega co apoio e colaboración da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, consistirán nuns paseos pola Coruña da man das escritoras e escritores que escribiron obras ambientadas na cidade.
A inscrición pódese realizar xa na Conserxaría do Centro Ágora ou chamando ao 981 189 888. Hai un total de 30 prazas por paseo, para maiores de 16 anos.
O primeiro paseo terá lugar o sábado 1 de novembro, de 12:00 a 13:30 horas:
– Xurxo Souto – 1 de novembro. TRAS DAS PEGADAS DO ANTIGO GREMIO DE MAREANTES.
Durante moitos séculos, o Gremio de Mareantes foi a agrupación profesional máis importante da Coruña. Propoñemos un paseo dende a Pescadería ata a Cidade Vella, en busca das súas pegadas. Un percorrido ilustrado con citas de diferentes autores que escribiron sobre A Coruña e o Mar: Avilés de Taramancos, Luísa Villalta, José Maria Monterroso Devesa, Álvaro Cunqueiro, Manuel María ou Miguel González Garcés.
Partiremos do atrio da súa antiga igrexa, o Pórtico de San Andrés, para intentar descubrir elementos arquitectónicos que –de tan cotiáns- resultan invisibles: arquivoltas cheas de peixe, a última “casa do remo”, o baixo-relevo do mariñeiro tocado con barretina…, ata chegar á “croa da Cruña”, a igrexa de Santa María del Campo, predio dun antigo cemiterio de xente do mar.
A comezos do século XVI, integraban o Gremio de Mareantes máis de 600 confrades, coas súas respectivas familias. A súa igrexa deulle nome á rúa máis importante da Pescadería: San Andrés. E o día do patrón, corenta mariñeiros mozos alí bailaban unha danza na súa honra. En 1589, o corsario Drake queimou a súa igrexa e hospital. Neste incendio perdéronse tamén documentos, privilexios e ordenanzas, e con eles a propia memoria da importancia do gremio. Afortunadamente, nos últimos anos do pasado século, o historiador Santiago Daviña foi capaz de recuperar parte deste gran arquivo.
Tras as pegadas do Antigo Gremio de Mareantes. Viaxe iniciática cara ás propias orixes da cidade, “ese libro que se le camiñando”. (Agustín Fernández Paz). Medre o mar!
Os seguintes Paseos serán:
– Inma López Silva – 8 de novembro.
– Xavier Seoane – 15 de novembro.