Xosé Iglesias le un poema de Antón Avilés de Taramancos

Desde a AELG recollemos a lectura dun poema de Antón Avilés de Taramancos por parte de Xosé Iglesias, no marco da iniciativa Lecturas fuxidas da Libraría Pedreira, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

Cuestionario Proust: Pilar Pallarés

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Pilar Pallarés:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-A teimosía, a forza de vontade, bastante escepticismo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A bondade e a empatía. Tamén a intelixencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
-A xenerosidade para acompañaren as miñas decisións e accións aínda que no fondo non
as compartan.
4.– A súa principal eiva?
-A teimosía.
5.– A súa ocupación favorita?
-Ler, ter conta dos meus animais e doutros que non teñen don@, escoitar música, parolar c@s amig@s e coñecid@s (ou descoñecid@s).
6.– O seu ideal de felicidade?
-Xamais me parei a pensalo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Pasar pola experiencia dunha guerra.
8.– Que lle gustaría ser?
-Alguén que non tivese que estar a loitar sempre co seu corpo. Só por probar como é a vida así.
9.– En que cidade desexaría vivir?
-Lisboa. Mais sen ser tratada como estranxeira.
10.– A súa cor favorita?
-Ningunha en particular, aínda que non me agradan o rosa ou o gris e si moito as dos tintes indianos.
11.– A flor que máis lle gusta?
-Os narcisos.
12.– O paxaro que prefire?
-As rolas turcas. Na verdade coido que calquer animal é unha obra de arte.
13.– A súa devoción na prosa?
-Depende da época. Son de grandes devocións que se van substituíndo unhas ás outras. Agora mesmo leo moito a Coetzee, Le Clézio, Joyce Carol Oates. Noutras épocas, Thomas Bernhard, Djuna Barnes, Otero Pedrayo, Cunqueiro, Jane Austen, Conrad, Blanco Amor, Ingeborg Bachman, Flaubert, Maupassant, Onetti, Sábato, Jean Rhys, Mujica Laínez, Clarice Lispector, etc., etc., etc.
14.– E na poesía?
-Alfonso Costafreda, Cunqueiro, Emily Dickinson, Rosalía, Manuel Antonio, Gamoneda,
Sylvia Plath, Szymborska, Pimentel, Carvalho Calero, María Victoria Atencia, Leopoldo María Panero, Lois Pereiro, Avilés de Taramancos, San Juan de la Cruz, etc., etc., etc.
15.- Un libro?
Última fuxida a Harar.
16.– Un heroe de ficción?
-Non teño. Son pouco dada a mitificar.
17.– Unha heroína?
-Tampouco destacaría ningunha.
18.– A súa música favorita?
-Suponse que se refire aos de música clásica? Non é a miña preferida. En todo caso destacaría Satie e os impresionistas.
19.– Na pintura?
-Caspar David Friedrich, Turner, os expresionistas alemáns, Alfonso Costa, Seoane, Van Gogh, os prerrafaelistas e simbolistas, Frida Khalo…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Mandela, Che Guevara, Salvador Allende, os emigrantes e exiliados que arriscan a vida en procura de algo mellor (e moi especialmente os africanos).
21.– O seu nome favorito?
-Emma, Saleta, Ana, Alexandre, Duarte, Carlos, Olivia…
22.– Que hábito alleo non soporta?
-O egotismo, a prepotencia, o dogmatismo, a vaidade, a falta de empatía, a mentira, o clasismo.
23.– O que máis odia?
-Os anteriores.
24.– Figuras históricas repulsivas?
-Calquera fascista.
25.– Un feito que admire?
-A abolición da escravitude e a conquista do dereito de voto por parte das mulleres.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Máis paciencia, máis capacidade para o esquecimento e o perdón.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-De maneira rápida e indolora, claro. Mais con tempo para deixar arranxada a supervivencia dos meus gatos e sen provocar demasiado sofrimento nin inconvenientes ás persoas que quero.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Certa conformidade. Disposición para vivir o presente, sen máis.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os que nacen da inxenuidade e a paixón, sempre que non causen mal a outr@s.
30.– Un lema na súa vida?
-Perseverar.”

Ana Romaní ingresa na Real Academia Galega reivindicando a escoita na creación poética e no xornalismo

Desde a Real Academia Galega:
“No ano 2003, no Teatro Coliseo de Noia, Xohana Torres interveu na homenaxe a Antón Avilés de Taramancos no Día das Letras Galegas dedicado ao escritor. Ambos compartiron infancia á beira do mar, os dous souberon escoitar como poetas, e tamén o fixeron nos programas de radio que gravaron alén e aquén mar. Case dezaseis anos despois daquel 17 de maio, volveron estar presentes no mesmo auditorio, no discurso de ingreso na Real Academia Galega doutra creadora da poesía e da radio: Ana Romaní. A poeta e xornalista, natural desta localidade, convocou estes dous referentes no seu espertar poético, xunto a outras autoras das letras galegas, nunha intervención que foi unha ollada ao mundo desde o feminismo e o comunal e colectivo. E desde ela, fronte á “xordeira”, reivindicou a dignidade da escoita no literario e no xornalismo.
A académica de número Margarita Ledo foi a encargada de lle dar resposta nunha intervención na que repasou a traxectoria literaria e xornalística da nova compañeira de plenario, inzada de recoñecementos, o último deles o Premio Nacional de Periodismo Cultural que concede o Ministerio de Cultura. Da obra literaria de Ana Romaní salientou, entre outros trazos, ese “desexo de comunidade” tan patente no propio discurso que pronunciou hoxe, un “devezo polo común que tamén colle corpo na súa actividade profesional” .
“Hoxe é un día feliz para a Real Academia Galega polo ingreso na institución de Ana Romaní e por estar en Noia, que é unha maneira de levar a RAG polo país. Cando os académicos falamos da súa entrada pensamos na poeta, na activista cultural que leva moito tempo comprometida co país, e tamén na comunicadora”, salientou pola súa banda o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, tras facerlle entrega da medalla e o diploma de académica de número.
Ana Romaní ocupa desde este sábado a cadeira que quedou vacante tras o pasamento de Xohana Torres, (Ferrol, 1929 – Vigo, 2017), “símbolo de decidida navegación e ousadas travesías”. Con ela estableceu o diálogo inicial do discurso titulado Táctil resonancia. Da derrota dun esplendoroso veleiro, as voces flotantes e os cantos das baleas, a bordo dunha nave na que tamén rescatou a voz do poeta noiés Avilés de Taramancos, outra figura decisiva no seu “tear do poético”. A viaxe arrincou sucando o mesmo mar no que a súa predecesora puxera a navegar a Penélope no célebre poema que publicara por primeira vez na Festa da Palabra Silenciada (1987). (…)”

Lucía Novas: “Procuro a beleza agochada nos bordos, nas marxes, nas periferias, nas fisterras”

Entrevista de Montse Dopico a Lucía Novas en Praza:
“(…) – Praza (P): En Epiderme de estío estaba a celebración da vida a través do amor, da sexualidade, do corpo. En Neve estaba a celebración da beleza e as ruínas, a ferida, a devastación do corpo. É como se os dous libros levasen, no aspecto temático, a Cervatos, que tamén é o corpo, o amor, a sensualidade, a beleza, e por outra banda a dor, a desolación, a decadencia… De que xeito os dous libros anteriores puideron levar a este?
– Lucía Novas (LN): Levo tempo dándolle voltas ó fío condutor dos meus poemarios, que é moi claro visto con perspectiva. Este feito aínda o percibo con maior claridade se inclúo un poemario inédito -aínda que acabo de colgalo recentemente na rede- que se sitúa entre Epiderme de estío e Neve, que indaga nunha estética de final do verán e principios do outono. A miña obsesión polo ciclo das estacións, a natureza e o paso do tempo é clara e asumida, pero aínda así non atinxo a entender que parte hai de decisión real e que parte é o destino que me leva por ese fío.
Cando comecei a escribir Cervatos, pensei que estaba escribindo algo moi diferente ós meus libros anteriores, que pechara un ciclo e abrira un novo. Pero a medida que outras persoas que van lendo o libro vanmo comentando, estas explícanme que si ven unha continuidade co anterior… e xa empezo a reformular as cousas… Do que me comentas, si teño unha certeza: Cervatos é un libro que procura termos contrarios e os harmoniza, pois ó final así e a vida: territorio de contrastes.
– P: Tamén hai unha relación clara entre Neve e Cervatos no aspecto formal: a presenza das enumeracións, que en Cervatos xa artellan todo o poemario en sucesións de substantivos nas que o verbo queda moi relegado a segundo plano. Os poemas convértense, así, en sucesións de imaxes. Como instantáneas da realidade. De que xeito te levou a forma de Neve á de Cervatos?
– LN: Na escrita, a miña parte racional inhíbese totalmente, e é o subconsciente, e á vez o lúdico e o xogo, o que toma as rendas… Non decido racionalmente “vou escribir deste xeito ou doutro”. Inevitablemente, xorde. Neve é un libro inspirado en Última fuxida a Harar, de Avilés de Taramancos, e en xeral de sempre me fascinaron os poemas en prosa con enumeracións marabillosas deste poeta tan querido por min. Supoño que a miña indagación iría por aí. E logo seguín pescudando dese xeito noutros poemas soltos que fun escribindo nos últimos anos.
E en Cervatos xa me deixei ir totalmente, desta vez tamén moi claramente influída pola translación da técnica da collage e da estética do videoclip, con imaxes tan rápidas, á poesía. Pois en Cervatos dialogo coa obra de artistas que utilizan a collage como Natalia Umpiérrez ou Isabel Fernández ou con videoclips concretos de Summer Camp, Superhumanoids, White Denim, Grimes ou Desir Lines. Por outra banda, tamén é unha busca da expresión da velocidade do mundo posmoderno e do seu carácter efémero. E por último, interésame moitísimo o carácter simbólico, plurisignificativo e connotativo da palabra. A palabra como alfaia e como unha explosión de emocións e recordos. (…)
– P: A crítica sinalou, deste libro, a presenza do fragmentario e, en relación con el, a crítica á posmodernidade, que xa citaches antes. Xa que somos, -dise na lapela interior-, tras a fin dos grandes relatos, seres ensarillados no amor, ou cervatos despistados ante o paso do tempo. En que sentido é o teu libro “crítica” á posmodernidade?
– LN: É unha crítica a esta sociedade capitalista, ateigada de velocidade, onde todo é relativo e non existe ningunha certeza, agás a do diñeiro. Unha sociedade hedonista, individualista, consumista, onde todo se pode mercar e vender, co seu culto excesivo á mocidade -e que sobre todo sufrimos por machismo as mulleres-, unha sociedade do espéctaculo, do culto ó ego, das aparencias… e onde apenas ollamos ó noso interior… Un mundo no que fuximos do amor por temor á frustración… e no que á vez pensamos que podemos elixir cando e a quen amar, como se todo se puidese programar ou arranxar cun só clic…
Por outra banda, intentei reflectir as relacións amorosas da miña xeración, loitando contra os convencionalismos herdados, influídos pola posmodernidade -cos nosos medos ó amor e á frustración-, intentando construír relacións igualitarias e libres e, á vez, aínda mediatizados por toda a imaxinería e educación patriarcal e do amor romántico, tema que trato dun xeito paródico e irónico. (…)”

O Grupo Ouriol homenaxea a Avilés de Taramancos

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O grupo Ouriol homenaxeou a figura de Avilés de Taramancos na Noia natal do poeta. Un espectáculo co gallo dos 25 anos do pasamento de Avilés con música, pintura e os textos na voz de Eva Veiga. Con ela falamos, precisamente, desta montaxe multidisciplinar para lembrar ao poeta. A entrevista pode verse aquí.”