Eduard Velasco: “É un mito a idea de que as culturas ‘periféricas’ do Estado español se comprenden entre si”

EntrevistaEduard Velasco de Montse Dopico a Eduard Velasco en Magazine Cultural Galego:
“Di Eduard Velasco que, para el, a escrita é como unha festa, unha celebración. E iso nótase no poemario co que vén de gañar o Premio de Poesía Pérez Parallé, Ruído de trens. Versos -testemuño do lugar. Das sensacións. Dos encontros. Dos afectos. Procurando, sempre, o ritmo. E a palabra xusta. Falamos con el deste libro e do seu traballo como divulgador da cultura catalá en Galiza e da cultura galega en Cataluña.
– Montse Dopico: Por que lle chamaches ao libro Ruído de trens?
– Eduard Velasco: Vén dos versos que cerran un dos primeiros poemas: “o ruído dos trens / co que me tapo / son faros cruzándonos os corpos / pola estrada da noite”. Nos últimos dous anos traballei con moita intensidade nun proxecto fotográfico que rematou nunha exposición titulada ‘A casa de Cereixa’. Un vello compañeiro, o Xoel, volveu habitar a casa dos seus avós, a Casa do Izquierdo, que é unha vivenda tradicional da parroquia de Cereixa, na Pobra do Brollón. A casa levaba máis dunha década parada sen xente e el reabriuna. No proceso de devolverlle a vida colaboramos ou participamos amigos e amigas. Nesa casa fomos felices e creamos un espazo para a conversa, para a lectura, para a creación, para a fuxida… Nas fotografías quixen reflectir ou gardar a memoria desas experiencias.
Unha das imaxes tituleina “O camión do leite”; nela, vese unha fiestra coa primeira luz do amencer que ten as cortinas iluminadas coa luz dos faros dun camión. A casa está situada a rentes da estrada e cando pasan os camións, ou os coches, treme toda. Ese cuarto sempre o tiveron reservado para min, e na cama onde morreu o bisavó do Xoel pasei moitas noites, algunhas de insomnio e medo e outras de amor e de palabras, sempre co ruído dos camións estremecendo a fiestra ao pasaren veloces por esa recta longuísima. Despois estiven un tempo vivindo nun edificio, en Portugal, que estaba entre o mar e as vías do tren. Cada vez que pasaba un tren e sentía o ruído desde a cama parecíame que seguía no cuarto de Cereixa. Eses trens pasando convertéronse no símbolo das mensaxes, ou das viaxes de ida e volta, que cruzaba cunha persoa que comecei a coñecer na cama dese cuarto. (…)”