Entrevista a Antonio Reigosa en La Voz de Galicia:
“O xoves, 29 de xaneiro, no pleno que se celebrará ás oito da tarde, os tres grupos da corporación de Mondoñedo, tras pedilo por consenso, nomearán cronista oficial do Concello a Antonio Reigosa Carreiras. Este mindoniense nado en Zoñán-Os Remedios, o 15 de agosto de 1958, desenrola o seu traballo no Museo Provincial de Lugo e conta cunha ampla obra literaria publicada e con numerosos traballos de divulgación relacionados coa historia, a arte, a etnografía, a mitoloxía popular e a literatura oral, entre outras actividades.
– La Voz de Galicia (LVG): ¿Como acolle este nomeamento?
– Antonio Reigosa (AR): O nomeamento faime feliz, evidentemente. Aínda que viva e traballe e a miña vida está noutro lugar, un onde nace sempre ten querenza e neste caso que se acorden dun para un cargo con ese prestixio que ten Mondoñedo e que teñen en Mondoñedo os cronistas oficiais, en fin, é un punto de orgullo. (…)
– LVG: ¿Como concibe a súa labor?
– AR: Francamente, teño que pensalo. Eu sei que isto de cronista oficial noutros momentos da historia, igual no século pasado, tiña un significado distinto, posto que a crónica do cronista nos medios impresos era o predominante. Pero agora o mundo cambiou radicalmente, están aí as novas tecnoloxías, está aí Internet. Eu creo que fundamentalmente o que debe trasladar un é aquela parte da historia, do presente, aquelas singularidades que ten Mondoñedo. Non só Mondoñedo cidade, senón o concello, hai arredor quince parroquias que é un rural que igual hoxe está asociado á situación económica de Mondoñedo, pero que foi parte importantísima do prestixio de Mondoñedo. Eu enténdoo así. Non é unha cidade coa súa historia e o seu prestixio senón unha contorna que queren o seu sitio no mundo, que o merecen, que teñen un patrimonio material e inmaterial impresionante e eu na medida do posible terei que intentar facelo visible alí onde poida. (…)”