«A Fundación Via Galego organizou para o próximo 19 de outubro, sexta feira, no Kiosko Alfonso da Coruña, unha mesa redonda titulada “Letras que unen” e un recital poético denominado “Cabo Verde lírico”. Na mesa redonda Letras que Unen intervirán Felisa Rodrigues (experta-galega en literaturas lusófonas africanas), Germano Almeida e José Vicente Lopes (escritores cabo-verdianos) e Xavier Alcalá e Carlos Quiroga (escritores galegos). Incluirá unha breve introdución á literatura cabo-verdiana da profesora Felisa Rodrigues e posterior debate arredor da lingua galego-portuguesa como ferramenta útil de traballo para os escritores galegos e cabo-verdianos. Terá lugar a partir das 17horas. No recital participarán varias poetas novas, como Yolanda Castaño, Lucía Aldao ou María Lado, que recitarán poemas de autores cabo-verdianos. Terá lugar a partir das 19:00 horas.
O acto insírese nas xornadas Galeguia. Encontro con Cabo Verde, organizadas pola Fundación Via Galego entre os días 17 e 20 de outubro co patrocinio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, entre outras institucións e entidades. Galeguia ten por obxecto fundamental promover un maior relacionamento entre a Galiza e os países de fala portuguesa, para así aproveitar na medida do posíbel a facilidade comunicativa que a lingua galega habilita no plano internacional, de extraordinario relevo no mundo global.» (Fundacion Via Galego)