Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán: “En demasiados casos, as exploracións xinecolóxicas convértense en violacións dos dereitos fundamentais das mulleres”

EntrevistaVerónica Martínez Delgado 2 aAlberte Momán Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán en Praza:
“(…) – Praza (P): A outra voz é un libro sobre violencia obstétrica. Judite, de Marcos Abalde, fala diso mesmo. Por que optades por este tema? Pola súa invisibilidade?
– Verónica Martínez Delgado (VMD): Efectivemente, optamos por este tema porque é silenciado, semidescoñecido e minimizado, como case todos os problemas que afectan ás mulleres en exclusiva. É outra variante máis da violencia machista.
– Alberte Momán (AM): Neste caso partimos do particular para camiñar cara o xeral. Dende un caso concreto, realizamos a denuncia sobre un problema do que é vítima o conxunto da sociedade e do que esa mesma sociedade chega a ser cómplice, como no caso da violencia machista. (…)
– P: A muller do libro tivo un aborto. E sente non só dor física, senón a dor da perda e da desilusión. O seu corpo prepárase para parir cando xa non hai feto. Despois, o sexo é un xeito de recuperar como a pertenza do seu corpo. É iso o que tentades transmitir?
– VMD: A muller do libro ten que parir a un/ha fillo/a morto/a; iso é un aborto, hai feto evidentemente. A interrupción voluntaria do embarazo realízase doutro xeito. Na miña opinión non se deberían denominar igual, como se fosen o mesmo. Noutros idiomas, por exemplo en francés, diferéncianse, xa que son dous procesos diferentes: o aborto -que se produce de seu- e a interrupción voluntaria do embarazo -que resulta dunha decisión consciente e deliberada-.
Esta muller expulsa o que os facultativos chaman “os restos” e non un fillo/a morto/a. Neste uso da linguaxe, neste caso en concreto, tamén percibimos o maltrato institucional. Tentamos transmitir a dor da perda dun/ha fillo/a. Tamén como este feito afecta inevitablemente ás relacións de parella, moitas veces polo desexo de pasar páxina moi cedo, sen vivir o tempo de dó necesaria, pola falta de empatía ou polo tabú do tema a nivel social e familiar.
– AM: Na miña opinión, incluso cando o aborto é unha decisión consciente e meditada, os vínculos que se establecen entre dous corpos en tan íntima unión deixan un sentimento de baleiro. Na elaboración deses vínculos existen dende motivos relacionados coa convención social, até a propia fisioloxía do corpo humano e os reguladores químicos que preparan ao individuo para os cambios que está a piques de experimentar.
Dende o meu punto de vista, tamén a proximidade a eses procesos, sen experimentalos directamente, crean un sentimento de baleiro absoluto, polos propios vínculos que se crean entre as persoas implicadas. Vínculos incluso químicos, aínda que non pretendo reducir as relacións unha simple reacción química. (…)”