Desde o Diario da Universidade de Vigo:
“Rosalía de Castro en xaponés, Álvaro Cunqueiro en árabe, Xavier Queipo en portugués e francés; Teresa Moure en italiano, holandés e serbio; Suso de Toro en checo, grego e búlgaro; Alfredo Conde en inglés de Australia e ruso; Xosé Luis Méndez Ferrín en inglés británico; Séchu Sende en kurdo e turco; Bernardino Graña e Miguel Anxo Fernán-Vello en macedonio; Domingo Villar en sueco e alemán…. Estes son só algúns exemplos do “cambio radical” que viviu nos últimos corenta anos en Galicia o sector da tradución literaria, anos nos que a literatura galega acadou un grao de coñecemento exterior moi superior ao que se viña supoñendo. Así o reflicten os últimos resultados de investigación do grupo Bitraga, un equipo de investigación da Facultade de Filoloxía e Tradución creador dun catálogo único, que recolle obras traducidas dende e cara ao galego, todo un observatorio do mundo da tradución, cuxa análise deixa xa sobre a mesa importantes conclusións.
E se os datos son “máis que positivos” no que a proxección exterior se refire, no outro lado da moeda, o que chega a Galicia dende o exterior, a evolución aínda é maior. Tras cubrir o repertorio de clásicos nos anos 80 e 90, a comezos da década do 2000 o sector entrou nunha nova fase con signos de normalidade como a tradución dos premios Nobel, de obra menor de grandes autores, de obras de actualidade e ata de best-sellers… “A cantidade de textos literarios estranxeiros traducidos e aos que se ten acceso directamente en galego sen necesidade de pasar polo castelán é enorme”, subliña Ana Luna, investigadora principal do grupo, ao que Iolanda Galanes engade que, a día de hoxe, no sector da tradución literaria en Galicia xa non hai enormes diferenzas co que acontece noutros lugares, “estamos no circuíto comercial e, aínda que non somos un mercado equiparable ao das grandes culturas, percibimos signos de normalidade. Iniciouse, aínda que de xeito tímido, o proceso de internacionalización”.
Os datos de Bitraga cifran o total de traducións literarias (de fóra cara a dentro e viceversa) no período 1980-2014 en 4603, das que 1540 son tradución a outras linguas de obra galega. “Neste momento a exportación de literatura galega supón un terzo do total das traducións”, explica Galanes, que lembra que nos anos 90 “desde o ámbito académico, era relativamente habitual referirse á nosa cultura como pequena, porque apenas se establecía diálogo co exterior e, cando acontecía, era máis ben un monólogo: traduciamos, mais non eramos traducidos”. Hoxe, tal e como demostran os datos recollidos, as cousas mudaron de xeito radical “e xa non se pode negar que exista un diálogo”. Logo pode analizarse, a través do catálogo, como é ese diálogo con cada cultura, se é ou non estable, se é equitativo, a través de que vías … “pero xa non se pode negar”, insisten as investigadoras.
Se ben as cifras son moi alentadoras, desde Bitraga indican que as relacións non se producen do mesmo xeito nin coa mesma intensidade en todos os casos. Aínda que o abano de culturas de importación se ampliou dende principios do século XXI, Galicia segue a ter dependencias de espazos e linguas moi concretos como son o español, o inglés e o francés, “sirva de mostra que o 90% das obras do catálogo de importación teñen como orixinal unha obra nalgunha destas linguas”. Un canon que, a xuízo das investigadoras, está reforzado pola escasa política institucional e que cumpriría diversificar se o que se pretende realmente é fomentar o multilingüismo. Pola súa parte, o espazo privilexiado de difusión exterior para a literatura galega segue a ser o ibérico, aínda que é salientable que nos últimos trinta anos se abrisen relacións con outros 40 espazos culturais. “Quen soñou traducir poesía guaraní ou mapuche ao galego directamente? Ou que obra galega estivese traducida ao kurdo? Era impensable hai só unha década e hoxe, en cambio, está acontecendo”, recalca Galanes.
Outro dos cambios de tendencia que Bitraga detecta é que a nosa literatura interesa no exterior non só por ser unha cultura minorizada, e polo tanto exótica. “Por citar un exemplo, a literatura infantil e xuvenil galega funciona no exterior con todas as condicións do mercado internacional”. Nesta liña, as investigadoras aluden ao esforzo das editoras, que mudaron as estratexias comerciais, no sentido de publicaren simultaneamente orixinal e traducións “de xeito que se introduce a versión traducida na contemporaneidade da produción literaria, sen distorsións, e ao mesmo tempo sitúa a literatura minorizada en pé de igualdade coas outras culturas”. As delegacións de editoras galegas no exterior, as parcerías comerciais noutros países ou a participación sistemática en feiras internacionais “onde venden xa non a tradución, senón directamente os dereitos de tradución, son outros indicios de normalidade”, explica Ana Luna.
“Hai apenas uns anos era imposible pensar en ler a Xosé Antonio Neira Cruz ou Agustín Fernández Paz en coreano ou que obras coma as do británico Harold Pinter, Premio Nobel de Literatura en 2005, fose traducida ao galego antes que ao español, ou que autores como Herta Müller levase anos traducida ao galego cando en 2009 lle concederon o Nobel… “, engade Galanes, que cita estes exemplos para incidir no repertorio innovador construído nos últimos anos baixo parámetros internacionais e sen necesidade de pasar polo filtro doutra cultura ou lingua.
Para chegar a esta situación as autoras consideran clave a emerxencia de profesionais cualificados, “pois se antes se facía tradución mediada, a través de segundas linguas, sobre todo español e francés, neste momento xa hai tradutores/as que traballan directamente con linguas orixinais, por máis ‘exóticas’ que estas sexan. Ao mesmo tempo constatan que a tradución deixou de ser unha actividade secundaria, na que o tradutor se dedicaba a outra tarefa principal e só traducía ocasionalmente , “un panorama ben diferente tras case 20 promocións formadas nesta facultade, que tamén contribuíron coa súa dedicación exclusiva aos importantes cambios experimentados no mundo da tradución galega”. (…)”