Entrevista a Eva Veiga en Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que é para ti a poesia?
– Eva Veiga (EV): A poesía primeiro de todo foi para min, e segue a ser, marabilla: ese acontecemento, esa “maxia” pola que as palabras –(des)colocadas nunha orde (in)determinada- eclosionan nunha nova vida plurisignificativa. A poesía é un espazo libertario, unha quebra do sistema ordinario de pensar, de percibir, de sentir. Neste senso, a palabra poética non só nos axuda a desvelar a realidade ou nos achega ao descoñecido e aínda ao indicible, senón que a súa propia creación está xa a ser fornecedora dunha outra maneira –máis afectiva, máis crítica- de ollar e de relacionarnos co mundo. Por outra parte, a poesía ponnos en contacto coa materia máis sutil do noso ser individual e colectivo. O ritmo poético remítenos ao corazón e á orixe. O poema ten unha dimensión vibratoria que nos afecta sempre dalgún xeito e o que di non se pode dicir de ningunha outra maneira. De todos modos, xa sabemos que a poesía non se deixa delimitar doadamente, mais eu adoro esa definición que fai Luísa Villalta no seu poema “Ritos de resistencia”: “Fronte á rutina, o rito da palabra tensa a pel / do mundo: un tambor que desperta”.
– P: Como entendes o processo de criação literária e, em geral, a artística?
– EV: É fundamental decote a afinación dos recursos –sensoriais e intelectivos- dos que dispoñemos para que o dicir-escribir se libere o máis adecuadamente posible. E isto esixe sobre todo un traballo incesante coa linguaxe. E ao mesmo tempo unha disposición a baleirarse. Fascíname ese “pasmar” alerta durante o que, nos casos máis felices, o poema fai a súa aparición xa redondo. De todos modos, para min o primeiro é atopar o ton, o ritmo que guía o texto. Coido que a experiencia de creación artística ten que ver co equilibrio entre razón e intuición. Porén, o acto de escribir é no meu caso unha experiencia integral do corpo, de todas as súas células. Ás veces ardua, pero sempre gozosa viaxe.
– P: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as diversas artes (literatura, música, artes plásticas, teatro, audiovisual, etc.)? Como é a tua experiência nesta linha (Grupo Ouriol, etc.)?
– EV: Entre as diversas artes hai xa unha relación de empatía que vén dada polo propio feito creativo, precisamente no senso desa intuición que Dámaso Alonso chamou estética. Ao longo da historia –e moi en especial na contemporaneidade- a interrelación entre as diferentes manifestacións artísticas foi e segue a ser un espazo de diálogo, de indagación e mesmo de integración ben frutífero. A mestizaxe expresiva anova e diversifica o mundo, pois no seu desafío dos límites encamiña a creación cara a novos horizontes, a inéditas propostas máis acordes coa complexidade que caracteriza as nosas sociedades actuais.
Gosto de colaborar con artistas, nomeadamente nos eidos da plástica e da música. Sempre me resulta moi enriquecedor.
O meu traballo co Grupo Ouriol -do que formo parte xunto aos músicos Bernardo Martínez e Fito Ares, ademais do artista plástico Alfonso Costa- é precisamente unha acción multidisciplinar –poesía, música e pintura- que se enfoca na procura dunha experiencia estética o máis integradora posible. Neste senso, o carácter improvisatorio da música –ás veces tamén da pintura en directo, malia que adoito son imaxes proxectadas nunha pantalla- crea asemade unha expectativa que propicia a incorporación do público a esa respiración conxunta da que escribiu Clarice Lispector: “O próximo instante é feito por mim? Ou se faz sozinho? Fazemo-lo juntos com a respiração”. (…)”