Francisco Rodríguez: “Non esperaba unha evolución política destas características”

EntrevistaFrancisco Rodríguez a Francisco Rodríguez en Sermos Galiza:
“Laiovento vén de publicar a quinta edición de Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza, de Francisco Rodríguez, un libro fundamental na historia moderna do galego e unha peza clave na sociolingüística do noso país. Nesta entrevista o autor reflexiona sobre a evolución do problema desde que se publicara en 1976.
– Sermos Galiza (SG): Corenta anos despois da primeira edición, na que falaba de futuro “desesperanzador”, agardaba naquel momento que a caída de falantes fose tan rápida?
– Francisco Rodríguez (FR): Teño unha visión filosoficamente materialista do problema da lingua. Para mellor nos entender, social, económica, política, cultural e ideolóxica, que remite sempre ao problema de quen domina e quen é dominado. Para mellor o entender, remite ao problema da desigualdade que establecen as relacións xerarquizadas do imperialismo. Se as condicións do dominio non mudann, e non hai elementos políticos, ideolóxicos e culturais, que o palíen (por exemplo, o sistema educativo ou os medios de comunicación…), a evolución ten que ser negativa contra o galego e a cada paso máis acelerada, pois os instrumentos de dominio e asimilación son máis intensos. Isto foi o que aconteceu nestes corenta anos. (…)
– SG: Daquela expresaba as súas dúbidas verbo da opción reintegracionista porque “non soluciona os nosos problemas culturais como pobo”. Hoxe esa opción reforzouse cos anos e mesmo medran as persoas que usan o padrón portugués. Que opina?
– FR: O galego e o portugués son o mesmo idioma. Así o deixei claro tamén no Conflito lingüístico. Fixen unha crítica das teses de Rodrígues Lapa no aspecto de me pareceren elitistas e parciais pois só contemplaba a cuestión cultural de minorías, alén de identificar as formas galegas máis xenuínas, a fala galega, co mundo rural, atrasado, o que é unha confusión entre formas lingüísticas e connotacións máis que discutíbel… Hoxe a alternativa reintegracionista, como a oficial, e por suposto a de escribir en padrón portugués, atinxen a unha minoría da poboación. A maioría está no español e no inglés, por desgraza. Polo tanto, o problema está no retroceso de usos e na minorización e anulación, oralmente e por escrito, do galego da vida social na Galiza… Teño claro que debemos ir a unha certa homologación, toda a que for posíbel na normativa, mesmo non desboto a lexitimidade de escribir no padrón portugués, mais isto non é a solución social do problema… Por certo, resúltame incomprensíbel que se teña optado por unha materia residual de portugués no ensino, no canto de contemplar galego e portugués como unha materia troncal única, e apostar por o ensino ter como lingua vehícular a nosa lingua. (…)
– SG: Di que estamos diante dunha nova fase do conflito lingüístico, onde a confrontación ideolóxica e política é “a cada paso máis inevitábel e necesaria”. Cal cre que son os pasos que habería que dar neste sentido para atallar o acelerado descenso de falantes?
– FR: Coido que, por desgraza, retomar calquera política real de recuperación de falantes, vai estar inzada de inevitábeis debates ideolóxicos e políticos, porque a maioría xa o vive como unha cuestión de se somos galegos ou españois. A cuestión vai ser como lograr que, asumindo este debate, non quede todo condicionado, determinado, por el. Temos que lograr que a política lingüística a favor do galego represente unha vinculación coa realidade propia, perspectiva do mundo e horizonte de futuro para Galiza. Debemos lograr que se vexa o galego como un instrumento útil e necesario para a vida social, de comunicación e de traballo en todas as ordes, e demandar as condicións necesarias para que poida ser así… Contar cunha base social nesta orientación é fundamental…
– SG: Pilar García Negro di que é o “gran libro da sociolingüística moderna”. Que outras obras considera de referencia para entender a evolución do conflito?
– FR: Non me dediquei a analizar a situación lingüística co tempo, a extensión e a intensidade que sería necesario ao longo destes corenta anos. Outras necesidades orientaron a miña vida intelectual, moi condicionada pola voráxine política que vivín. Porén, houbo continuadores que ilustraron ben o que estaba a pasar e o que facer. Pilar García Negro, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Carlos Callón teñen análises moi acertadas e úteis. Hai moitos traballos de campo, vinculados a institucións académicas, que teñen interese polos dados que fornecen.”