A Deputación recoñece a Carlos Callón, a CTNL, A Gramola Gominola e Vitamina G nos XVII Premios Rosalía de Castro de Lingua

Desde a Deputación da Coruña:
“A Deputación da Coruña recoñece nos XVII Premios Rosalía de Castro de Lingua a Carlos Callón, a CTNL, A Gramola Gominola e Vitamina G. O certame, dotado con 5.000 euros para cada unha das categorías, está convocado pola Área de Lingua da Deputación e ten como obxectivo recoñecer persoas, entidades e iniciativas comprometidas coa promoción social do galego e co seu futuro, especialmente entre a infancia e a mocidade. Na edición deste ano presentáronse 31 candidaturas, das cales se avaliaron finalmente 27.
Na categoría de persoa que máis destaca na promoción da lingua galega, o premio recaeu en Carlos Callón. O xurado valorou especialmente o seu labor como «activista referencial en defensa dos dereitos lingüísticos», así como a dimensión do seu traballo no ámbito do libro galego e da divulgación arredor da lingua.
Tamén salientou que varias das súas publicacións se converteron «en importantes ferramentas para promover o debate a favor da normalización do idioma galego, así como para mellorar a escrita e a fala da nosa lingua».
Na categoría de entidade que máis destaca na promoción do galego, a premiada foi a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). O xurado recoñeceu a súa «traxectoria consolidada de trinta anos» e o seu papel como entidade referente «no desenvolvemento, coordinación e racionalización das políticas e accións de normalización lingüística en Galicia».
Pola súa banda, o premio ao mellor proxecto de dinamización lingüística dirixido á infancia e á mocidade foi concedido ex aequo a A Gramola Gominola e Vitamina G.
No caso da Gramola Gominola, o xurado destacou o «compromiso firme co uso e defensa públicos da lingua galega» e unha traxectoria de máis de dez anos dirixida ao público infantil e familiar a través da música, dos contidos audiovisuais e dos libro-discos acompañados de materiais didácticos.
Sobre Vitamina G, promovido pola profesora Mariña Lema, salientouse a orixe da iniciativa, nun centro educativo dun barrio coruñés cun contexto altamente desgaleguizado e con alumnado procedente de diferentes realidades lingüísticas. A este respecto, subliñouse o seu valor como exemplo de cohesión social e a súa capacidade para ser exportado a outros contextos semellantes.
O xurado estivo presidido pola deputada de Lingua, Sol Agra Tuñas, e contou como vogais con Xosé Ramón Freixeiro Mato, Álvaro López García e Irma Silva Hervella. Actuou como secretaria Dores Sánchez Alegre, xefa da Sección de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.”

Xosé Ramón Freixeiro Mato, a ACP Ponte… nas ondas! e os proxectos CeibaRimas e Galego para peques gañan o XVI Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O filólogo e catedrático emérito Xosé Ramón Freixeiro Mato, na categoría A, para persoas; a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas!, na categoría B, para entidades, e os proxectos CeibaRimas e Galego para peques, galardoados ‘ex aequo’ na categoría C, a das iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade, son as catro propostas gañadoras do XVI Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación. Nun certame ao que concorreron 32 candidaturas, estes catro gañadores recibirán un premio de 5.000€.
O xurado, presidido pola deputada de Lingua, Soledad Agra, tivo como vocais os gañadores da pasada edición: a escritora, sociolingüista, política e profesora Pilar García Negro; a pedagoga Mariló Candedo Gunturiz, en representación de Nova Escola Galega, e o profesor e músico Arcadio González Nóvoa, do proxecto Aquí tamén se fala. Como secretaria actuou Dores Sánchez Alegre, técnica de normalización lingüística da Deputación.
Na categoría A (para persoas que destaquen na promoción da lingua galega de calidade e cunha identidade propia e unhas características xenuínas para empregala en todos os ambientes e con todos os estratos sociais), o xurado decidiu premiar a Freixeiro Mato “por ser un dos máis recoñecidos especialistas da lingua galega a nivel nacional e internacional, cunha brillante traxectoria desde os seus inicios no mundo do ensino até á actualidade”. “Freixeiro Mato”, valorou o comité avaliador, “representa unha figura incuestionable na defensa, estudo e promoción social do idioma, con multitude de traballos e actividades con tales encomendas, requirida tanto en congresos para especialistas canto en entidades e encontros de menores dimensións, mais comprometidos co futuro do galego”.
Na categoría B (para entidades que destaquen na promoción da lingua galega), a ACP Ponte… nas ondas! gaña o premio “por constituír unha iniciativa educativa e cultural pioneira que leva promovendo, dende 1995, o uso da lingua galega en contextos reais, creativos e interxeracionais”, segundo o xurado. “A través dunha metodoloxía participativa e transfronteiriza, o proxecto consolidouse como unha ferramenta eficaz na valorización, normalización e proxección internacional da lingua galega. Esta metodoloxía foi avalada e recoñecida pola UNESCO como un modelo de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial. O proxecto integra o galego como lingua vehicular en actividades comunicativas nos centros escolares (radio escolar, podcast, vídeos, certames…), favorecendo a súa aprendizaxe funcional e o seu uso espontáneo entre o alumnado”. O comité avaliador tamén destacou que “todas as actividades e proxectos que desenvolve Ponte… nas ondas! son de carácter transfronteirizo e están abertos á participación de centros educativos e entidades da lusofonía”.
Na categoría C (para proxectos concretos de dinamización lingüística que realicen un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade, e que atendan espazos emerxentes de uso da lingua co obxectivo de premiar a innovación e o futuro), o xurado decidiu que dúas propostas tiñan os mesmos merecementos para compartir o galardón. CeibaRimas, promovido pola Asociación Merenda Creativa, “por ser o primeiro e único proxecto de rap improvisado cen por cento en galego, que busca difundir o uso da lingua entre a mocidade, servíndose sérvese dun ámbito con gran popularidade entre a mocidade, como é o rap improvisado ou ‘freestyle'”. “O ‘freestyle’ e o mundo do hip hop en xeral son”, segundo a resolución, “ámbitos nos que case non se usa o galego, polo que vemos especialmente necesario un proxecto coma este, que permite que a mocidade se exprese libremente en galego e facendo uso dunha rama tan enxeñosa coma a improvisación”. Para o xurado, “o proxecto conta, ademais, cun amplo vínculo co mundo da regueifa, xa que algúns participantes proveñen desa disciplina. Desde a súa creación no ano 2020, realizaron máis de 80 obradoiros en concellos de todo o país, ensinando esta disciplina a persoas de todas as idades, mais sobre todo a xente moza”.
CeibaRimas repartirá a partes iguais os 5.000 euros en metálico do premio coa proposta Galego para peques, promovida por Fátima Suárez e Álvaro López, por ser, en valoración do xurado, “un proxecto audiovisual que vén encher un oco moi importante na creación e posta a disposición gratuíta e accesible de vídeos educativos e divertidos en galego para as primeiras etapas da infancia, xustamente a etapa de adquisición da lingua”. O comité avaliador destacou, ademais, “que o proxecto parta de dúas persoas a título particular, que se preocuparon na súa faceta de proxenitores por crear contido que non atopaban no mercado para as súas fillas e fillos”. A canle de Youtube de Galego para peques conta con máis de trinta entre cancións, contos e vídeos educativos e divertidos para que tanto as familias coma as profesionais da educación infantil poidan empregar na casa ou na aula. “Estamos a falar ademais”, valora o xurado, “dun proxecto inclusivo, pois tamén inclúe vídeos con pictogramas para axudar as persoas con necesidades educativas especiais”.”

Braga: XIV Congreso Internacional da Asociación de Estudos Galegos, do 17 ao 20 de abril

PROGRAMA

Compostela: XXXIII Xornadas de Lingua e Literatura, o 13 de abril

A Coruña: presentación de A estrela que nos guía, de Xosé Ramón Freixeiro Mato

O 4 de decembro, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, preséntase o libro A estrela que nos guía, de Xosé Ramón Freixeiro Mato. No acto estará, ademais do autor, Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse aquí.

A Coruña: I Xornadas de actualización en lingua galega e literatura no ensino, os 13 e 14 de abril

“Estas xornadas teñen como obxectivo ofrecer novas propostas para o ensino-aprendizaxe da lingua e da literatura galegas no ámbito do ensino secundario que permitan dar unha viraxe a aqueles aspectos do traballo nas aulas que convén revisarmos. Trátase, en suma, de reflexionarmos en conxunto sobre como potenciar, reorientar ou modificar certos contidos, actividades, ferramentas e metodoloxías aproveitando o contexto creado pola nova lei educativa.
Conforman as xornadas seis seminarios cun marcado carácter práctico, ao longo dos cales haberá espazo para o intercambio de ideas e suxestións entre os/as relatores/as e o público.
Inscricións en clourenzo@udc.gal, indicando nome, apelidos e DNI até ao 12 de abril de 2023.”