Entrevista a Mercedes Queixas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Como nace a proposta de facer un libro sobre Manuel María?
– Mercedes Queixas (MQ): Nace a partir do convite que me fai Víctor Freixanes, o director da editorial, unha vez que se fixo público por parte da Real Academia Galega o nome do autor homenaxeado nas Letras Galegas do 2016. A proposta era preparar unha biografía que fose breve e divulgativa, que puidese achegar a figura, a personalidade e a obra de Manuel María a todo tipo de público. Freixanes non o sabía entón, pero eu xa estaba a traballar sobre Manuel María para un estudo que estaba preparando. (…)
– LVG: ¿Se tivese que trasladarlle a alguén de fóra a importancia de Manuel María, qué destacaría?
– MQ: Valoro moito nel algo que creo que é moi difícil de encontrar en ningún outro autor, que é a capacidade de traballo e creación escrita polo número de obras que deixou. Tampouco hai outro capaz de tratar tal diversidade temática. Na súa obra está todo. En 54 anos de escrita pódese atopar un Manuel María existencialista, intimista, paisaxístico, poeta social comprometido, irónico, retranqueiro, ou o intelectual que é capaz de levarte pola sabedoría da cultura popular, do patrimonio artístico, da historia… Un erudito de altísima competencia que sabe de todo. Tampouco descubrín noutros escritores a capacidade para levar en paralelo a vida e a obra. Lendo o que escribiu pódese seguir a evolución do home. A traxectoria de Manuel María lévanos pola evolución colectiva de Galicia durante a segunda metade do século XX. (…)
– LVG: O Día do Libro as librerías están a tope. O Día das Letras Galegas, ao ser festivo, están pechadas.
– MQ: Para min, que teño memoria de cando non era festivo, a repercusión social, que creo que ten que ser o gran obxectivo da xornada, é incomparable. O Día das Letras Galegas era máis viable e eficaz cando non era festivo. A min, se me desen a escoller, escollería un día laborable e lectivo que se vivise na rúa con intensidade. Temos que axudar a este país a que se coñeza a si mesmo e profundice na súa cultura que para moitos é invisible.
– LVG. E máis invisibles son as mulleres nas letras galegas, ¿non?
– MQ: Si. Segue sendo un reto pendente porque a partir da metade do século XIX a muller foise incorporando a escrita e á vida social. Esa escusa xa non serve. A Real Academia Galega como moitas outras institucións, seguen tendo unha débeda coas mulleres. (…)”