Crónica da homenaxe “A Escritora na súa Terra – Letra E” a Helena Villar Janeiro

CRÓNICA

Mirarei este mar
cos ollos que hoxe inscribo nesta pedra.
Navegarei solpores en Rianxo
sen antes ter eu sido mariñeira.

Helena Villar Janeiro

Escribir, tirar do fío para dispoñelo en urdas, para pasar a trama, para facer a tea: tecer. Tecer a vida cara adiante como as hedras da clepsidra poboan o tempo que flúe. Tecer a vida cara atrás como quen remonta o río e volve a onde só a palabra recupera os instantes. Recoller palabras de noso, tal abelorios, e nomear o mundo igual que se bordara as formas dos soños que fabula. Tiña que ser así porque Helena medrou entre fíos na xastrería familiar, primeiro ensino, primeiro ateneo, onde se recitaban os clásicos, se interpretaba bel canto e desfilaban historias e personaxes, segundo ela mesma refire. 

A Asemblea de Socias/os da AELG aprobou por unanimidade outorgar a Letra E de 2016 a Helena Villar Janeiro, quen xa é Socia de Honra da AELG. Entregouselle en Rianxo o 25 de xuño, na que foi a vixésimo segunda edición desta homenaxe.

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou en 2016 á súa XXII edición recaendo na figura de Helena Villar Janeiro, que foi homenaxeada no Concello de Rianxo, a terra que ela elixiu para vivir os solpores da ría de Arousa.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe ou adopción do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as  procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe. Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Caxigueiro), a plantación dunha árbore simbólica (un loureiro elixido pola propia autora) e a colocación dun monólito conmemorativo.

Vexa aquí a crónica fotográfica completa da homenaxe (da autoría de Eduardo Castro Bal – A. C. Alexandre Bóveda – Ollo de vidro)

PROGRAMA

Paseo Marítimo no Peirao de Sete Fogas

Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación do loureiro (árbore simbólica da escritora)

Acto de entrega da “Letra E” (Escola da I República – Cuartel vello)

Entrega da peza escultórica do artista Caxigueiro

Intervención da homenaxeada: Resposta á laudatio por parte de Helena Villar Janeiro.

14:00 h. Xantar no Pazo de Rianxiño

Xantar de confraternidade.