Desde a Real Academia Galega (foto de Almara, na RAG):
“Eduardo Blanco Amor, Xosé Neira Vilas ou Luís Seoane son algúns dos moitos persoeiros da Galicia na diáspora que intercambiaron cartas co xurista, escritor e académico Sebastián Martínez-Risco. Para eles, e tamén para institucións ou persoas doutras procedencias interesadas na nosa cultura, o presidente da Real Academia Galega (RAG) de 1960 e 1977 foi “unha especie de representante oficioso da cultura galega, e case poderiamos dicir que do país no seu conxunto, nun momento en que Galicia non tiña institucións representativas propias”, expresa Xosé Ramón Freixeiro Mato. Así queda reflectido nas 270 cartas que compoñen Onde ferve o amor por Galiza. Correspondencia do galeguismo exterior con Sebastián Martínez-Risco (1942-1977), edición ao coidado do profesor da Universidade da Coruña publicada pola Deputación da Coruña.
A obra, que recompila sobre todo cartas do arquivo persoal de Martínez-Risco (Ourense, 1899 – A Coruña, 1977) e outras conseguidas en institucións como o Centro Galego de Buenos Aires, foi presentada na sede da RAG nunha rolda de prensa na que o investigador estivo acompañado polo presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e a actriz Isabel Risco, neta de Martínez-Risco. O libro toma o seu título dunha frase extraída dunha carta que Isaac Díaz Pardo lle escribiu a Martínez-Risco en 1955 desde Arxentina. O editor escolleuna “porque representa moi ben ese sentimento de preocupación polo futuro de Galicia” que lle amosaban ao académico as persoas que contactaban con el desde o exterior, moitos deles galegos exiliados e emigrados, pero tamén persoas interesadas na nosa cultura de Portugal, Francia ou América. (…)”