O domingo 2 de abril finaliza o Salón do Libro de Pontevedra 2017, que se celebra no Pazo da Cultura, cos seguintes horarios: de luns a venres, de 17:00 a 20:00 h., e sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 h.
O propio domingo 2 terán lugar os seguintes actos destacados dentro do seu programa:
– 11:30 h. e 17:30 h. Obradoiro: Na procura da cidade imaxinaria, con Anxo Fariña. A cidade imaxinaria non é doada de atopar. Precísase moita imaxinación, ganas de pasalo ben, e capacidade de ver outras “realidades ocultas”. Nesta actividade primeiro crearemos uns lentes especiais que nos permitan atopar as pistas ocultas por todo o Salón. E grazas a esta procura, poderemos crear o micro-conto “A cidade imaxinaria” que poderemos levar para casa con nós. Unha actividade que é un xogo, unha carreira, unha procura, e un conto. Atréveste a participar coa túa familia? A partir de 6 anos. Prazas limitadas (grupos de 10 familias). Inscrición previa. A inscrición é presencial. Achégate para apuntarte ás actividades que requiran inscrición previa no horario de apertura do Salón.
Ata esgotar as prazas.
– 12:00 h. e 18:30 h. Conto musicado: As portas de Escaquis. Lucía Aldao, María Lado e o Seminario Permanente de Jazz. Seguro que algunha vez desexáchedes que as cousas fosen diferentes. Non sei…que o verán non rematase! Que pasaría se puidésedes abrir unha porta e ver un mundo onde o verán nunca remata? Escaquis é unha estraña nena que ten a habilidade de abrir portas onde non as hai, pero… que pasa detrás desas portas? Vós, querido público, tedes o poder de escoller o que ocorre neste conto! Unha aventura polos mundos posibles baseada na novela Escaquis e Romeu de Antonio Manuel Fraga. Recinto Feiral. Público familiar.
– 12:30 h. Presentación da lista de honra IBBY Galix e Encontro con Ledicia Costas e Ramón Nicolás. A escritora Fina Casalderrey fará a lectura da mensaxe do Día Internacional do Libro Infantil 2017, que este ano preparou a sección IBBY-Rusia “Medremos co libro” do escritor Sergei Makhotin. Público familiar. Entrada libre ata completar cabida.