Artigo de Inmaculada Otero Varela en Novas do Eixo Atlántico:
“O debate, necesario e sanísimo, que está a xerar o artigo de Manuel Veiga “A infantilización da literatura galega e o seu perigo de desaparición” publicado na revista dixital Biosbardia o pasado febreiro, é xa unha proba de que si hai público lector en galego, de que aínda non desaparecemos, de que andabamos a rillar as mesmas teimas desde hai tempo, de que periodicamente precisamos exorcizalas porque non queremos extinguirnos, de momento. Non se sabe cantos somos, se chegamos ou non, se damos feito un lectorado sostible (a ecoloxía igual é un dos movemento que máis termos axeitados nos pode achegar), mais a vontade non falta. Se a tese de fondo é que na literatura galega se percibe unha crecente superficialidade discursiva e temática (prefiro non empregar a palabra infantilismo) que pouco achega á idea de arte como descarga eléctrica, como convulsión intelectual, por poñermos exquisitas, totalmente de acordo. Mais vólvenme asaltar as preguntas de sempre. Isto non pasa noutras literaturas? Periga o seu público por este motivo? Non houbo desde hai séculos unha arte máis popular ao carón da que hoxe consideramos canónica? Non acontece noutras esferas culturais como o cinema, a música, mesmo a gastronomía? Hai probas de que “o público capacitado e favorábel a ler en galego desertou” como afirma Manuel Veiga? De ser así, é culpa só dos textos, ou peor, das autoras e autores? Realmente o mercado do ensino en galego é tan substancioso como para que condicione a escrita? Esa simplificación (non acabo de atopar un vocábulo que me preste) que se percibe en moitas narracións pensadas para adultos, non para un público infantil e xuvenil, ten a súa orixe na procura de ventas en institutos? A porcentaxe de alumnado que goza de lecturas fast-food é maior que a porcentaxe de adultos que consomen produtos deste tipo? Ten a totalidade de adolescentes tan mal gusto? E para rematar, é certo que hoxe non temos Casares nin Cunqueiros, nin cousa que se lle pareza?
Evidentemente non teño respostas, só formulacións ao aire, aínda que moitas veces coido que estamos a confundirnos nas preguntas. Antón Figueroa falaba da filoloxización da cultura galega, ao que se podería engadir para este caso unha sorte de grafocentrismo xeneralizado, unha variante da idea kantiana da subxectividade da realidade, aquí non só debido á mediación do suxeito, senón á incidencia das súas manifestacións escritas. Algo haberá de certo nisto, de feito a arte, tamén a literatura, forma parte do real, xera obxectos per se con capacidade para alterar outros elementos da realidade na que se integran. Pero esta presuposición, levada ao extremo, pode facernos pensar que é o texto literario, e só o texto e non outras producións humanas, o que sempre constrúe a realidade e non ao revés. (…)”