María Reimóndez: “Gañar o Johán Carballeira é entrar nun clube moi selecto”

Entrevista a María Reimóndez en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Ten un significado especial gañar un dos certames poéticos con máis traxectoria en Galicia e que lembra a unha figura como Carballeira?
– María Reimóndez (MR): Si. Tamén é especial porque cada premio ten unha traxectoria polos autores e libros que van gañanado, que van creando como unha xenealoxía na que gañar o premio é unir o teu nome ao desas persoas que o gañaron con anterioridade. Neste caso o Johán Carballeira é un premio moi atractivo nese sentido.
– FdV: O xurado di o seguinte no seu ditame: “Recrea asuntos como a memoria e a identidade a través da perspectiva de xénero, articulando un percorrido territorial que se estende dende o íntimo ata o cartográfico”. Sinte que reflicte os seus poemas?
– MR: A verdade é que o vexo bastante identificado. É un percorrido íntimo, pero o íntimo vinculado co colectivo, dende a consigna feminista de que o persoal é político. É levar o meu corpo por certos espazos vinculados a memoria, a visión feminista dos lugares e das experiencias. (…)
– FdV: Levaba moito tempo este proxecto no caixón ou non é este o caso?
– MR: A verdade é que xa levaba tempo. Non sabería dicir canto, pero uns anos. Os premios coma este son tamén unha oportunidade para publicar e neste caso a publicación a fai Edicións Xerais, o que para min o fai máis emocionante porque alí desenvolvín case toda a miña obra. Ademais garante unha edición coidada e que vai ter visibilidade.
– FdV: A súa obra esténdese en varios eidos: tradución, poesía, narrativa, ensaio… Como percibe que camiño vai coller o que quere transmitir en cada momento?
– MR: Non penso en iso dunha maneira moi racional, senón que é algo máis orgánico. Os libros nacen como proxectos, cada un vai tomando a súa forma. É certo que son máis coñecida como narradora, que a novela é o estilo co que máis se me identifica e no que nado con máis seguridade. Pero iso non quita que o resto, como o ensaio ou a poesía, sexan formas que nacen dunha necesidade de contar dunha maneira específica. Digamos que cada proxecto pide a súa propia forma.”