Entrevista a Mario Regueira en Diario de Ferrol:
“(…) – Diario de Ferrol (DF): Vén de gañar o premio Lueiro Rey de xornalismo e, hai un ano, o Illas Sisargas de poesía erótica. Está no seu mellor momento creativo?
– Mario Regueira (MR): Gañar premios sempre é unha satisfacción, pero hai que recoñecer que non sempre son un indicativo moi fiábel do nivel creativo dun autor. Pode ser tamén porque moitas veces pensamos na posibilidade de ter grandes momentos de inspiración e esquecemos todas as cousas cotiás nas que a creatividade está inserida. Neste caso concreto, máis que dun estado de graza, estes premios son a consecuencia do meu retorno á actividade da escrita creativa, despois duns anos afastado dela pola enfermidade dun familiar e pola intensidade que requiriu acabar os meus estudos de doutoramento. Diría máis ben que os textos destes anos son os produtos dun goce recobrado, se cadra encarado dunha forma moito máis lúdica e atrevida que antes e nos que non me sorprendería que se note esa alegría mesturada co alivio que supón o reencontro cunha paixón.
– DF: Desde hai anos compatibiliza a creación coa crítica. É doado de levar o de estar nas dúas beiras?
– MR: Doado ou non, sempre defendín que é inevitábel, para os autores, estar nas dúas beiras. Porque non toda a crítica se dedica a escribir, pero non hai dúbida de que toda a xente que escribe se dedica, en certa medida, á crítica. De forma pública ou privada, ou de xeito máis ou menos consciente, pero todos os escritores escollen as súas influencias, len os coetáneos, opinan sobre outras formas de escrita e toman posición nese campo de xogo. É algo inherente ao feito de escribir aínda que por suposto non é imprescindíbel facelo cunha dimensión profesional. De feito, son moitas as figuras autoriais que, ao longo da historia, asinaron tamén traballos de crítica que hoxe case ninguén lembra. No meu caso, si está relacionado coa tentativa de facer da literatura a miña actividade principal. A crítica é unha consecuencia dos meus estudos en teoría literaria e, nese sentido, sempre tratei de exercela cun gran sentido da responsabilidade e da obxectividade. Recoñezo tamén que durante moito tempo foi unha escusa para poder ler e obrigarme a analizar as cousas que lía.
– DF: Nas últimas semanas déronse a coñecer os gañadores dos premios estatais nos diferentes xéneros, e hai nomes galegos. Cre que a literatura galega está no seu mellor momento?
– MR: A situación da literatura escrita en galego é enormemente desigual, xa non coa do castelán, senón mesmo coa das outras linguas do Estado. Non sabería dicir se vivimos un momento moito mellor que outros anteriores, pois tampouco é a primeira vez que autores e autoras son premiadas a nivel estatal e internacional. O que si teño claro é que é moi meritorio que mesmo nos momentos máis adversos, o proxecto común ao que chamamos literatura galega conseguise destacar moitas veces máis aló das nosas fronteiras, influíndo e mesmo abríndolles camiños innovadores ás outras literaturas peninsulares. É meritorio porque é enormemente inesperado e demostra unha vitalidade e unha vontade de permanencia que son o mellor valor que temos. Naturalmente, isto non debe facernos perder a perspectiva de que son logros feitos con moitas cousas en contra, con escaso ou nulo apoio institucional e baseados moitas veces en entusiasmos e complicidades dun pequeno número de persoas. (…)”