Entrevista a Carlos Mella en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): A 70 anos da morte de Castelao, cal é o legado do seu pensamento que transcendeu até o día de hoxe?
– Carlos Mella (CM): Castelao foi o único que lle deu a Galiza unha formulación teórica. Até ese momento Galiza era un sentimento. Castelao, ademais de sentimento, foi quen de darlle unha formulación política, era o único que chegou a escribir o que poderiamos chamar unha idea do que debía de ser a Galiza e a España do futuro.
– ND: Por que se mantén vixente ese legado de Castelao?
– CL: Dío el: “Se non pensamos na Galiza, en que pensamos? Pensamos co estómago?”. É dicir, se lemos a Castelao, vemos que sabe que Galiza é unha nación, sabe que Galiza é un país de homes libres, mais non gusta nada desas historias fantásticas, desas formulacións máxicas que fan de Galiza algo que non sabemos o que é. El dedícase aos problemas reais da Galiza, e é o único que realmente se centra nese eido e trata de por remedio a esas dificultades.
– ND: Cales son as tarefas máis inmediatas a acometer pola Fundación Castelao?
– CL: Na Fundación damos a coñecer e estendemos o pensamento de Castelao, e que máis quixeramos nós que facelo máis. Porque co pensamento de Castelao cada un fixo del o que quixo: hai quen fala dunha Galiza independente apoiada no pensamento de Castelao; hai quen fala de Castelao como un personaxe perigosísimo para a unidade española… o que significa que o pensamento de Castelao foi moi pouco comentado e moi pouco lido, e Sempre en Galiza conviña lelo unha vez polo menos.
– ND: Cales foron os logros da Fundación Castelao nos últimos anos?
– CL: Dentro da escaseza terríbel de medios que temos, eu penso que fixemos uns cursos moi importantes para estender o pensamento de Castelao coa universidade de Santiago de Compostela, coa Universidade de Vigo, co Consello da Cultura Galega, co Concello de Rianxo, co de Lalín, coa Semana Ourensá de Análise Política… acho que fixemos unha boa ristra de acontecementos sobre Castelao e a súa filosofía e a súa política.”