“A poesía existe desde moito antes do texto” — entrevista con Arancha Nogueira

Entrevista de Silvia Penas Estévez a Arancha Nogueira, desde Urutau:
“(…) – Urutau (U): A poesía é unha forma de ver o mundo?
– Arancha Nogueira (AN): Non estou certa, pero de selo, non é só iso. Penso que é unha forma de relacionármonos co mundo, que precede o mero acto de observalo (pensar en que é un xeito de ver o mundo é xa racionalizar ese acto, e estou convencida de que é algo que é anterior a iso e que tamén o transcende, que está antes e tamén despois). O que si sei, é que a poesía existe desde moito antes do texto, que en todo o proceso de interacción co mundo, de transformación, de impacto, de afecto, está a poesía.
– U: Cando escribes pensas nunha lectora/lector imaxinaria/o? O que escribes vese afectado por iso?
– AN: Non, non adoito pensar en quen o vai ler, aínda que si hai unha intención (e penso que ninguén que escriba e publique pode negalo) de que iso se vaia ler. De todos xeitos, escribo desde min e desde o que sinto que paga a pena contar; a posteriori podo facer esa reflexión de se é máis ou menos universal, de se alguén se vai sentir identificadx… pero non o penso cando me lanzo a escribir. (…)
– U: O teu poema aparece como algo súpeto, que golpea e sae dunha maneira explosiva e rápida ou é un proceso máis pausado e longo?
– AN: Ambas! O xermolo do poema adoita ser unha frase, unhas palabras, un verso ou varios… ou ben unha imaxe. Iso si “vén”, ás veces producto da reflexión ou doutras lecturas, e outras veces por si só. Mais, desde que aparece esa semente até que medra hai un proceso de traballo pasivo, e explícome: de permitir que iso descanse, pero ao mesmo tempo non deixar de telo na cabeza, ir apuntando o que se me ocorre, cavilar ao respecto diso… pode levar moito tempo, pero se algo aprendín logo de anos escribindo poesía é que esa pausa é necesaria e positiva para facer dunha obra algo máis que un arrouto.
– U: Este libro, O único lugar onde ficar inmóbil, en concreto como xurdiu? Onde ou en que dirías que ten o seu xermolo?
– AN: Este libro xorde dunha perda, dunha perda emocional a moitos niveis (comecei a escribilo aló polo 2014, aínda que non o rematei até o 2018). Esa perda emocional, que podemos identificar como unha perda amorosa pero tamén identitaria, leva a un proceso de reconstrución desde a ruína que me parece interesante. Aínda que é un libro cru, duro, reflexiona ao redor da idea de que fica de nós cando nos privan das cousas que pensamos que nos configuran; reflexiona tamén sobre as violencias que sofremos particularmente como mulleres, de como se naturalizan socialmente, de como as afrontamos e de se é posíbel erguerse despois de varar. Gosto desta idea porque non ten moralina, non hai un “tes que facer isto”, non é un manual de instrucións. Tamén por iso, por esa dúbida, creo que é unha lectura que pode axeitarse a estes tempos, aínda que para nada fose escrita con esa idea. (…)”