Artigo de Mario Regueira en Nós Diario:
“Día do Libro, Letras Galegas, comezo das feiras… os meses máis duros do confinamento cancelaron de cheo unha das tempadas máis relevantes para o sector do libro. Xunto con estacionalidades concretas como a campaña de Nadal, o inicio do curso académico ou o verán nas zonas turísticas, os libreiros coinciden en cualificar a primavera como un período de vital importancia para o negocio. Un feche, porén, que garda os seus propios matices e vivencias. Lugares como a Librería Miranda de Bueu permaneceron abertos ao incluíren tamén a papelaría na súa actividade. “Pero quitando algunha cousa concreta, vendemos moi poucos libros. Este tempo traballamos sobre todo fotocopias, material escolar… nin prensa vendemos moita, ao estar fechados todos os negocios da redonda”, di o seu responsábel, Fernando Miranda. Porén, a caída de actividade foi intensa, mesmo naqueles negocios que, como a Libraría Couceiro de Compostela ou a Librería Bahía de Foz, seguiron traballando con entrega a domicilio, “tamén como unha forma de manter o contacto co público”, di Cielo Fernández, deste negocio da Mariña lucense. Tamén floreceron as alianzas co resto do comercio local: “Estivemos preparando lotes de viño e libros con algunhas taperías da zona”, di Cano Paz, desde a Libraría Paz de Pontevedra.
Un contacto co público e unha reivindicación da libraría como espazo social, de encontros, complicidades e liberdade que está no fondo do discurso de moitos dos libreiros consultados. “Notámolo sobre todo cando comezamos a atender con cita previa. A xente tiña fame de libros e ganas de entrar nunha libraría, unha experiencia que algo como recoller un pedido non enche”, di Antón Pedreira desde Compostela. O propio público pareceu responder co seu compromiso, son varios os libreiros que destacan a importancia de plataformas como “Todos tus libros”, que permitía apoiar a libraría da elección do cliente, aínda que tamén recibiron cariño de forma directa, con moita xente interesada pola súa situación. “Sentímonos moi queridos, a verdade é que a xente respondeu”, comentan desde Pedreira. Cano Paz apunta un fenómeno que se repetiu máis veces: “Xente que che fai un ingreso para compras a futuro, sen pedir nada e avisando que xa o gastarán sen présa”. Trátase duns apoios que permitiron tamén que días concretos como as festividades do libro, ou os días de reapertura ao público, se superasen as expectativas dos propios libreiros. (…)”