A nova directiva da Federación de Librarías de Galicia comeza a súa andaina

Desde a Federación de Librarías de Galicia:
“A asamblea celebrada en Compostela otorgou a súa confianza a candidatura presidida por Cielo Fernández, única concorrente neste proceso.
A Federación de Librarías de Galicia conta desde hoxe cun novo equipo directivo, que asume dende este mes de decembro os retos e necesidades do sector, representado por esta entidade.
As socias, reunidas en asamblea, outorgaron á proposta presidida por Cielo Fernández a súa confianza. A candidatura -única proposta presentada- conta con cinco membros: a propia Cielo Fernández (Libraría Bahía de Foz) como Presidenta, Óscar Porral (da Librería Lenda, en Bertamiráns) como Vicepresidente, Celia Fernández (do Espazo Lector Nobel de Ourense) como Secretaria, Jacobo Antonio Rodríguez (Libraría Agrasar, en Monforte de Lemos) como Tesoureiro e Patricia Porto (Libraría Lila de Lilith, en Compostela) como Contadora.
O equipo presentou ás socias o seu programa, que centra os seus esforzos en dúas liñas mestras, unha interna, que abordará a reforma da propia Federación e dos seus estatutos, así como ampliar as acción destinadas ás asociadas, para mellorar a formación e o coñecemento interno da entidade, e outra externa, que buscará afondar nas relación institucionais co resto dos representantes do sector e coas administración públicas, e ampliar a difusión das actividades organizadas e coordinadas pola Federación, entre as que destacan especialmente as Feiras do Libro ou a Axenda Cultural, nas que se fará, segundo explica a propia directiva, un esforzo especial, para apoiar o seu crecemento.”

Foz: actos destacados na Feira do Libro 2021 para os 21 e 22 de agosto

O 22 de agosto finaliza a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

Sábado 21
18:00 h. Estefanía Padullés asina Leopoldo, o pequeno monstro, publicado por Hércules, e Un mundo para Maruxa, publicado por Belagua.
19:00 h. Luz Darriba asina Abril, publicado por Belagua.
20:00 h. Presentación e recital poético arredor do libro Manifesto 25N. Trinta voces pola eliminación da violencia contra a muller, publicado por Alvarellos. Presentado por Montse González Álvarez, coa participación de Ruth Santiso, Toño Núñez, Pilar Maseda, Adela Figueroa e Luz Airado.
21:00 h. Presentación de Os mundos de agora, de Lois Oreiro, publicado por Galaxia. No acto, organizado pola Libraría Bahía, participan, xunto ao autor, Xavier Lombardero e Cielo Fernández.

Domingo 22
18:00 h. Concerto e sinatura de Extra!, de Paco Nogueiras, publicado por Kalandraka.
19:00 h. Ánxeles Goás asina exemplares de O asubío do avó, publicado por Galaxia.
20:00 h. Xulio Pardo de Neyra asina O abecedario no país das alvarizas, publicado por Medulia.

A Federación de Librarías renóvase e reflexiona sobre o modelo das feiras do libro

Entrevista a Ramón Domínguez en Nós Diario (fotografía dese mesmo medio de comunicación):
“O libreiro Ramón Domínguez, da Libraría Formatos da Coruña, é o novo presidente da Federación de librarías da Galiza. Domínguez liderou unha candidatura conformada por 15 librarías de todo o país e conta no seu equipo con Cielo Fernández, da libraría Baía de Foz, Sandra Senda, de Libros para soñar, de Vigo, e Carlos Blanco e Paula Veira, das librarías coruñesas Nobel e Lume, respectivamente. O pasado 28 de abril e con 60% dos votos a favor tomou o relevo de Pilar Rodríguez logo de case unha década no cargo.
Nos próximos catro anos o equipo que lidera Ramón Domínguez procurará traballar arredor de catro piares básicos: a transparencia comunicativa entre a federación e as libreiras e libreiros, a modernización tecnolóxica, unha vinculación máis directa coas administracións, e traballar a dimensión social da profesión desde a reformulación das feiras do libro.
Nós Diario conversa con Ramón Domínguez nun momento no que a Covid-19 marca o inicio das feiras do libro e que desde o colectivo se afronta con optimismo “porque logo do que vivimos o último ano só nos queda pensar en positivo”, conta Domínguez, que coa campaña de vacinación coida que “estamos a ver a luz no fin do túnel”, aínda que tamén conta con que “haberá que ver que acontece coa crise no plano económico”.
“O primeiro é proporlles ás librarías unha medida que nos parecía prioritaria e imprescindíbel, unha maior transparencia e comunicación de todo o que ten que ver coa actividade federativa: acceso aos estatutos, asembleas, información das contas anuais…”, explica o responsábel de Formatos.
“Entendemos que esa comunicación non sempre foi fluída nos últimos tempos e que os libreiros non poden desconectarse da federación, que vexan que é un órgano que está ao seu servizo”, explica o novo presidente, mais á vez tamén puntualiza que non se trata de que non houbese información por parte da anterior directiva, senón máis ben, “unha cuestión de estilo, de formas de entender a xestión”, que se cadra o equipo saínte non vía tan necesaria.
Estabelecer unha vinculación máis directa coa Administración é outro dos grandes eixos de actuación da nova directiva da Federación de Librarías. Deste modo, Ramón Domínguez refírese a “deseñar programas de axuda e subvencións moito mellor adaptados ás necesidades reais das librarías, porque moitas veces son demasiado xenéricos”, advertía.
Mais na convocatoria de axudas de 2021 a nova directiva non puido intervir e a Xunta publicou hoxe mesmo unha partida orzamentaria destinada ás librarías cinco veces menor á de 2020, pasando de 150.000 euros a 30.000; se ben da contía do ano pasado só se concederon 17.000 euros.
“Non se nos escapa que vivimos nun mundo no que as tecnoloxías teñen cada vez máis relevancia”, afirma Domínguez, que engade que as librarías teñen que contar con “todas as ferramentas que nos permitan estar preto da clientela, do lectorado”.
Ademais, o libreiro explica que no nivel tecnolóxico é necesario que os estabelecementos se vinculen coas distintas plataformas de servizo “desde o punto de vista do que son os programas de xestión que manexamos”. E nesta liña tamén é precisa a aprendizaxe e o asesoramento.
“Non nos interesa tanto unha formación de carácter xeral como unha pensada, deseñada e adaptada e, tamén, o asesoramento no plano xurídico, todo o que ten que ver coa dimensión da profesión a nivel formal…”, analiza, para lembrar que alén de estabelecementos comerciais as librarías réxense pola Lei do libro como especificidade.
Alén do volume impreso, o reto das librarías tamén é o libro dixital, “unha cuestión que hai que abordar”, di Ramón Domínguez, aínda que polo momento son poucas as librarías na federación que traballan esa área da venta. Sobre a venda de libros a través da rede, “irá gañando protagonismo co tempo, a medida que estas ferramentas das que falabamos se vaian integrando nas librarías”, explica o presidente da federación, que non esquece que “competimos con plataformas de venda na rede cunha gran capacidade económica, polo que se debe concienciar a clientela dos valores que achega cada un”.
Valores sobre os que tamén queren traballar porque “entendemos que é vital para nós e para a sociedade que as librarías dinamicemos e participemos nas políticas culturais de cada concello. Somos parte dunha cadea de valor, que é o libro, formamos parte dese ecosistema”, reivindica o libreiro.
A nova directiva da Federación de Librarías ten entre os seus obxectivos potenciar a dimensión social da profesión, e nesa liña, “revisar todo o que ten que ver coas feiras do libro, como dinamizadores, como acción cultural…”, di Ramón Domínguez. Na busca de que o lectorado poida compartir directamente coas editoras, coas autoras, potenciar as feiras do libro e atender ao seu deseño no terreo formal, “reflexionar sobre o modelo e ver os cambios necesarios”.
Mais é este un labor que durante 2021 só se poderá desenvolver en parte, pois o recente cambio de directiva chegou coas primeiras feiras do libro xa realizadas ou en decurso, como é o caso de Ferrol ou Compostela, respectivamente. “Con esta excepcionalidade, coas restricións, a directiva anterior aprobou un protocolo de actuación para manter as feiras do libro activas e continuarémolo”.”

“Librarías enmascaradas”, por Mario Regueira

Artigo de Mario Regueira en Nós Diario:
“Día do Libro, Letras Galegas, comezo das feiras… os meses máis duros do confinamento cancelaron de cheo unha das tempadas máis relevantes para o sector do libro. Xunto con estacionalidades concretas como a campaña de Nadal, o inicio do curso académico ou o verán nas zonas turísticas, os libreiros coinciden en cualificar a primavera como un período de vital importancia para o negocio. Un feche, porén, que garda os seus propios matices e vivencias. Lugares como a Librería Miranda de Bueu permaneceron abertos ao incluíren tamén a papelaría na súa actividade. “Pero quitando algunha cousa concreta, vendemos moi poucos libros. Este tempo traballamos sobre todo fotocopias, material escolar… nin prensa vendemos moita, ao estar fechados todos os negocios da redonda”, di o seu responsábel, Fernando Miranda. Porén, a caída de actividade foi intensa, mesmo naqueles negocios que, como a Libraría Couceiro de Compostela ou a Librería Bahía de Foz, seguiron traballando con entrega a domicilio, “tamén como unha forma de manter o contacto co público”, di Cielo Fernández, deste negocio da Mariña lucense. Tamén floreceron as alianzas co resto do comercio local: “Estivemos preparando lotes de viño e libros con algunhas taperías da zona”, di Cano Paz, desde a Libraría Paz de Pontevedra.
Un contacto co público e unha reivindicación da libraría como espazo social, de encontros, complicidades e liberdade que está no fondo do discurso de moitos dos libreiros consultados. “Notámolo sobre todo cando comezamos a atender con cita previa. A xente tiña fame de libros e ganas de entrar nunha libraría, unha experiencia que algo como recoller un pedido non enche”, di Antón Pedreira desde Compostela. O propio público pareceu responder co seu compromiso, son varios os libreiros que destacan a importancia de plataformas como “Todos tus libros”, que permitía apoiar a libraría da elección do cliente, aínda que tamén recibiron cariño de forma directa, con moita xente interesada pola súa situación. “Sentímonos moi queridos, a verdade é que a xente respondeu”, comentan desde Pedreira. Cano Paz apunta un fenómeno que se repetiu máis veces: “Xente que che fai un ingreso para compras a futuro, sen pedir nada e avisando que xa o gastarán sen présa”. Trátase duns apoios que permitiron tamén que días concretos como as festividades do libro, ou os días de reapertura ao público, se superasen as expectativas dos propios libreiros. (…)”

O Día do Libro máis crítico

Artigo de Irene Pin desde Nós Diario:
“O Día do Libro chega este 23 de abril en pleno confinamento, coas librarías fechadas nunha das datas máis representativas do ano. Algunhas, con todo, manteñen abertos os envíos. É o caso de Bahía (Foz), que ofrece servizo sobre todo na zona da Mariña, procurando manter a relación máis persoal cos clientes habituais.
Outras empresas tomaron a decisión de paralizar tamén esta actividade. A Libraría Paz (Pontevedra), a Libraría Pedreira (Santiago de Compostela) ou a Livraria Suévia (A Coruña) non atenden pedidos. O dono da primeira, Cano Paz, explica que non consideran “imprescindíbel” que a xente reciba libros nestas datas, sobre todo pensando nos riscos que implicaría para as persoas encargadas de facer o reparto. “Sería inxusto”, considera a dona de Suévia, Ermitas Valencia. “O libro é un ben esencial, pero é o momento de subir aos faiados e abrir as caixas, de redescubrir o que temos, non de pór un capricho persoal por diante das vidas humanas”, argumenta.
O que si están a manter é a actividade en redes, sobre todo de cara ao Día do Libro. A libraría Paz, inspirada na campaña estatal “Todos tus libros”, facilita descontos de compra anticipada ou cheques-regalo para “cando todo pase”. Do mesmo modo, procura dinamizar a oferta con distintas suxestións baixo a tópica #oquenosquedaporler. Igualmente, Suévia anima as súas clientas habituais a facer unha listaxe e agardar a que a situación se normalice.
A libraría Pedreira tamén puxo especial énfase no virtual esta semana coas “lecturas fuxidas”, nas que xa participaron autoras como Marta Dacosta, Gonzalo Hermo ou Aurora Marco. O seu dono móstrase sorprendido polo éxito da iniciativa, así como “orgulloso” da extraordinaria acollida que tivo por parte das creadoras. Doutra banda, a aposta de Bahía foi implicar as lectoras, convidándoas a partillaren fotos cun libro que estean a ler ou que as acompañase especialmente durante o confinamento, co cancelo #DiadoLibronaCasa, conta Cielo Fernández.
Para as libreiras galegas o Día do Libro constitúe unha data importante, se ben non pode compararse á relevancia que ten para o sector noutros países, con outra tradición. “Xa nos gustaría que fose coma o Sant Jordi”, comenta Pedreira, “o certo é que aquí supérao o Día das Letras”. “Como gremio poderiamos facer máis”, opina Paz. Con todo, os ingresos desta celebración, que adoita estenderse durante toda a semana, son importantes tanto no libro adulto como no infantil, apunta Valencia, cun “volume de venda que supera entre 60% e 70% a un día calquera”, concreta Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Librarías da Galiza. Malia terse adiado ao 23 de xullo, considera que “cada cousa ten o seu momento”, e a resposta das lectoras non vai ser a mesma.
Isto súmase “á perda doutras datas importantes, como é a Semana Santa” para Bahía, explica Fernández, que ademais do económico destaca o valor simbólico do evento. Moitas librarías saen ás prazas, procurando a visibilidade e un contacto coa sociedade que non é posíbel nestes momentos.
A tendencia doutros países apunta cara ás librarías como uns dos primeiros comercios en subir de novo as persianas na desescalada. “Que volvamos abrir non significa que vaiamos vender”, advirte Paz resumindo a desesperanza do sector. “Aínda que é mellor estarmos abertas, a economía vai ficar moi feble”, observa Valencia. “Nós aínda non nos recuperamos da crise”, engade. Nese senso, Paz, Fernández e Rodríguez consideran fundamental unha inxección de capital na sociedade, para garantir a liquidez. (…)
Pedreira móstrase preocupado por como se poida ver afectado o libro de texto: “Non é o noso caso, mais hai moitas que sobreviven grazas a el”. De facto, Valencia coloca aí as súas esperanzas. Desde a AELG, Cesáreo Sánchez convoca a xente a acudir ás librarías “en canto sexa posíbel”. Apela á memoria para “non esquecer a súa importancia como elementos dinamizadores determinantes na construción do noso sistema literario”, agora especialmente o “elo máis fráxil nunha cultura sen normalizar coma a nosa”.”

Crónica videográfica da III Gala do Libro Galego (VII)

A III Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Premio á Iniciativa bibliográfica: Colección Xerais Básicos Ciencia (Edicións Xerais de Galicia).

Premio na categoria de Banda deseñada: Alter-Nativo, de Jorge Campos (Aira Editorial).

Premio ao Libro mellor editado: Lumes, de Ismael Ramos (Apiario).